O CESGAHack, o hackaton organizado polo CESGA e Appentra Solutions para facer demostracións tecnolóxicas, intercambiar recursos e coñecemento e contribuír a que os científicos e os programadores aceleren as súas aplicacións e desafíos, vai chegar en marzo á súa cuarta edición. Segundo nos conta o Centro de Supercomputación de Galicia e a devandita empresa, a cita será entre o 25 e o 29 de marzo: un total de cinco días para pór ao alcance da comunidade innovadora e investigadora recursos tecnolóxicos que lles axuden a resolver os seus retos inmediatos, a través da redución ao máximo dos tempos que pasan codificando.
Novamente os participantes terán acceso ao supercomputador Finis Terrae II en CESGA e a un equipo de mentores expertos na optimización, paralelaxe e execución de aplicacións de HPC (High Performance Compunting, ou sexa, computación de alto rendemento). Por certo que tamén se vai pór a disposición de científicos e tecnólogos o avanzado paquete de ferramentas Parallelware Tools Suite de Appentra, que lles permitirá acelerar o ciclo de vida dos seus desenvolvementos con vistas á súa aplicación (axudándolles a identificar axiña oportunidades reais de paralelaxe para a súa aplicación).
Appentra e o CESGA, facendo reconto das anteriores edicións, lembran que os precedentes son inmellorables. En termos máis concretos, os participantes doutras convocatorias puideron reducir o tempo de execución do seu código a case 1/50 do tempo de execución inicial en só 5 días.
Os equipos adoitan vir dunha ampla variedade de países e eidos de traballo, operando tanto en ámbitos medioambientais (por exemplo as predicións de tsunamis da Universidade de Málaga) como en contornas ligadas ao motor (por exemplo a firma galega Xesol, traballando na análise dos patróns biométricos dos condutores para previr accidentes de tráfico).
As entidades organizadoras tamén recordan que a participación en CESGAhack4 é de balde, pero os participantes deben presentar a súa solicitude online. Neste punto, CESGA e Appentra fan un chamamento a entidades, empresas ou persoas cun proxecto científico susceptible de coller impulso a beneficiarse da capacitación individualizada que, nas súas palabras, “brinda esta contorna única”, axudando a avanzar no seu desenvolvemento e aforrar tempo de execución da súa aplicación software.
Volve en marzo o CESGAHack para facer voar o desenvolvemento de novas aplicacións
Compartir Este Artigo

