A nosa terra vai contar cun centro de I+D onde impulsar as múltiples facianas da innovación e da industria intelixente arredor dun sector económico que foi, é e será un dos nosos grandes piares produtivos: o sector do leite. Así o deron o a coñecer hoxe o presidente da Deputación de Lugo e máis a vicerreitora do Campus lucense, Montserrat Valcárcel, acompañados do deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez, durante unha visita ás obras do primeiro centro de investigación láctea da provincia, impulsado pola Universidade de Santiago e a Deputación con 2 millóns de euros. Estamos a falar da Granxa Experimental do Campus Terra.
Segundo lembraron, o gran obxectivo deste proxecto conxunto é “contribuír á mellora do sector mediante a aplicación das iniciativas que investigadores e estudantes do Campus e das súas facultades e mestrados desenvolvan nestas instalacións”.
Campos Conde salientou o peso que ten o sector lácteo na nosa terra, e o peso que está chamado a ter: unha contorna económica que conta en Lugo cunhas 3.600 explotacións e que representa o 18% do emprego da provincia. Amais, lembrou que Lugo lidera a produción leiteira en Galicia e en España con máis de 1,2 millóns de toneladas ao ano, o que “nos dá idea” da importancia deste ámbito produtivo para o desenvolvemento social e económico lucense, e de aí que fose preciso poñer ao seu alcance un centro de investigación que lle dea impulso, “que axude aos profesionais a reducir custos de produción, a facer máis competitivas as súas explotacións ou a mellorar a súa calidade de vida”.
Polo que se refire ao emprazamento elixido, son 130 hectáreas da Granxa Gayoso Castro da Deputación.
Entre os proxectos de Investigación e Desenvolvemento que a Universidade de Santiago quere facer impulsar no centro atópanse os seguintes: un sistema eficiente que combine robot de muxido co pastoreo (e que permita a distribución das parcelas de xeito que se maximice o aproveitamento dos pastos, minimizando o desprazamento dos animais); un ensaio de distintos materiais nas camas dos animais; investigacións sobre o comportamento diario dos animais a través do sistema de seguimento incorporado ca adquisición do robot; iniciativas relativas ao benestar animal, etc.
A Deputación e a USC lembraron hoxe que o centro permitirá “empurrar a innovación sobre todo no tocante ao Smart Farming ou, o que é o mesmo, á agricultura intelixente e ao impulso dos sistemas de pastoreo”. A granxa contará cun robot de muxido automatizado e, en canto ao sistema de produción, prevese que as vacas teñan acceso libre aos pastos a maior parte do ano.
As dúas entidades tamén puxeron o foco noutro dos grandes cometidos do centro: contribuír a mellorar a formación de veterinarios e enxeñeiros agrónomos. Precisamente, esta vocación experimental da granxa permitirá complementar as investigacións teóricas do persoal docente e investigador do Campus Terra coa súa posta en práctica. “Esta vertente experimental facilita, á súa vez, a participación en proxectos de investigación e a captación de recursos”, explicaron a Deputación e a USC.
O smart farming colle folgos en Lugo da man da Deputación e a USC
Compartir Este Artigo

