Finalmente pechou o pasado 20 de xaneiro o prazo para presentarmos candidaturas á segunda edición dos Premios TIC Galicia que organiza o Clúster TIC en colaboración con Laconnetwork e co obxectivo de mostrar o esforzo innovador e creativo das organizacións, institucións e empresas galegas ligadas ao sector das novas tecnoloxías. Segundo informan as dúas entidades, un total de cincuenta e seis proxectos do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación galego compiten por facerse cun galardón no dito certame. Os gañadores daranse a coñecer este xoves ás 19.00 horas.
A información subministrarase no marco dunha gala en PALEXCO, A Coruña, que comezará ás 19.00 horas. Segundo recalcan o Clúster e máis Laconnetwork, os recoñecementos supoñen visualizar o importante traballo das nosas organizacións, institucións e empresas galegas vinculadas ao eido das TIC.
Un total de 37 entidades presentaron 56 candidaturas ás 9 categorías en competición dos premios, personalidades, produtos ou proxectos empresariais que tiveron “especial repercusión en Galicia no ano 2018” e estiveron “fortemente vinculados á difusión do valor da tecnoloxía”.
Ata este xoves ás 13:00 horas poderán ser votados a través da páxina web https://www.laconnetwork.com/ os 15 finalistas das categorías Mellor Startup, Mellor Campaña de Mercadotecnia Dixital, Mellor Desenvolvemento de Software Libre, Mellor Innovación (I+D+i) e Mención especial – Premio Lacon Evanxelizador.
15 proxectos finalistas
Mellor Startup
•Alén Space: provedor de soluciones de negocios baseadas en nanosatélites que busca reducir as barreiras de acceso ao espazo, poñendo as ideas de negocio dos seus clientes en órbita de modo máis rápido, fiable e barato posible.
•Aerocamaras: a operadora de drons nº1 en España. Segundo informa o Clúster, foi pioneira en servizos profesionais con vehículos aéreos non tripulados e están á cabeza en I+D con dron de maior autonomía do mercado.
•Muutech: Nova firma de solucións de monitoraxe enfocada a contornas de sistemas de información e a contornas industriais e de produción.
Mellor Desenvolvemento de Software Libre
•Strelia Electrotecnia e Hércules, polo proxecto Boia Bares – Seguimento oceonográfico de ondas, direccional e de alta precisión.
•Queres Tecnologías, polo proxecto Xedoc: custodia electrónica de documentos que ofrece interfaces de interoperabilidade específicas para contornas clínicas baseada en estándares sanitarios.
•Alia Technologies, polo proxecto EnALIA: Un desenvolvemento específico para o sector vitivinícola que integra operacións de control dos proxectos de recollida de materias primas, control de maduración do viño, entre outros.
Mellor Campaña de Marketing Dixital
•Roi Digital, pola campaña Pescanova_Desenvidiate que buscaba levar a Desenvidia a todos os fogares españois
•Atlántica Comunicación, pola campaña Lenda Pet Food, estratexia de comunicación integral executada en 2018 para a marca de alimentación superpremium para cans e gatos, Lenda.
•R Cable, pola campaña Demogorgons para moitos días, para anunciar a posibilidade de ver Netflix a través do deco 4k de R. A través duns dos mellores comunicadores galegos de todos os tempos, Santiago Pemán.
Mellor Innovación (I+D+i)
•Developers Forensics Tools, polo proxecto DirectDump que monitoriza sistemas de forma transparente, alerta de intrusións, permite tomar contramedidas en caso de ataques, e fai un informe forense automatizado con validez xudicial
•Bahía Software, polo proxecto DIAPA para desenvolver un sistema que dea soporte e optimice os fluxos de traballo implantados na Rede Nacional de Biobancos.
•Agrupación Galicia, polo proxecto Mruta que automatiza totalmente aloxamentos non atendidos. Funciona como motor de reservas, xestión do aloxamento, partes policiais, apertura de portas, control domótico, ata facturación.
Mención Especial Evanxelizador:
•Gonzalo Garre, CMO en Livetopic
• Miguel Varela, CEO de Teimas Desenvolvemento
•Juan Pedro Granados, CEO, CDO e CMO en estati.co
O gañador nestas 5 categorías será decidido pola media da valoración do comité de sabios e a votación pública. Nas restantes 4 categorías: Mellor Iniciativa TIC, Mellor Empresa Tractora, Mellor Internacionalización e Mención Especial – Premio Traxectoria, o Comité de Sabios escollerá directamente o gañador.

