Volve Lingua de Namorar, o certame de promoción do galego a través da Internet e a través das diversas e sempre valiosas expresións do sentir amoroso entre a nosa mocidade. A nova edición do concurso foi presentada este 14 de febreiro polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e maila directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, quen non deixaron pasar a ocasión de subliñar o significativo feito de que sexa o Día das Namoradas e Namorados o día elixido para presentar a andaina 2019 de Lingua de Namorar. Segundo lembraron, trátase dun certame dirixido á xente nova e cuxa finalidade principal é “dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e na Internet”. A fórmula elixida é a das mensaxes de amor.
O concurso vén da man das consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Na presentación, Valentín García explicou que “este tipo de iniciativas perseguen animar unha mocidade que habitualmente domina o galego a dar pasos para empregalo de maneira habitual”. E engadiu: “Ás veces, nos institutos dous rapaces que falan o galego na súa casa relaciónanse exclusivamente en castelán porque lles parece que é o que os seus iguais esperan deles, pero nós queremos que vexan que non é así, darlles ese empuxonciño que os leve a probar e decatarse de que usar o galego para falar cos compañeiros e para establecer novas relacións é o máis normal do mundo”.
Pola súa banda, Cristina Pichel explicou que esta edición preséntase “cunha imaxe renovada, un novo logo que aglutina os tres conceptos que definen o programa: a lingua galega, a tecnoloxía vinculada coa xuventude e o amor.” Así mesmo, animou aos mozos e mozas a participar nunha iniciativa que o ano pasado alcanzou os 1.500 participantes, cifra récord ata a data de hoxe.
Proceso de participación
O certame Lingua de Namorar está dirixido a mozas e mozos de 14 a 35 anos, que se dividirán en dúas categorías de idade: de 14 a 19 anos e de 20 a 35. As mensaxes presentadas a concurso deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso. Para facer chegar as mensaxes, cómpre rexistrarse previamente no web do certame: http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar. Todas as mensaxes serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 28 de febreiro. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 1 ao 7 de marzo.
Resolución do xurado e premios
O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. A súa resolución publicarase o 18 de marzo na páxina web do concurso. Establécense tres premios por cada unha das categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos), o primeiro premio é unha tableta SPC Gravity PRO; o segundo, un libro electrónico EareaderBQ Cervantes e o terceiro, un altofalante portátil Daewoo. Na categoría B (de 20 a 35 anos), o primeiro premio consiste nun computador portátil HP; o segundo, nun sistema de son Nevir e o terceiro nuns auriculares True Wireless Stereo Daewoo.
Regresa Lingua de Namorar para promover o uso do galego nas relacións persoais da xente nova
Compartir Este Artigo

