O Concello de Allariz deu a coñecer hoxe os detalles do seu novo portal de turismo, un espazo en liña que dá a coñecer os múltiples atractivos da vila e da súa contorna dun xeito innovador e amigable ao tempo que contribúe a crear comunidade online arredor deste destino galego referencial. O portal foi presentado pola alcaldesa, Cristina Cid, e podémolo ver xa en www.allariz.gal/turismo. Segundo fixo saber ela e parte do seu equipo informático-económico, trátase “dunha páxina máis moderna e accesible que conta con toda a información para chegar, vivir e visitar Allariz”.
Cid tamén explicou que o portal de turismo vén a complementar o sitio allariz.gal, composto por outras dúas micro-páxinas adicadas á administración e sede electrónica para efectuar trámites online, e a segunda destinada ás novas sobre todos os asuntos de relevancia local así como a sección axenda conformada por actividades e eventos de tipo cultural, deportivo ou lúdico.
O novo portal de turismo, engadiu a alcaldesa, inclúe todos os contidos de interese para os visitantes a través de tres pasos: Vén, no que as persoas usuarias atoparán o xeito de chegar a Allariz e mesmo onde aloxarse ou comer; Vive, onde se explican os mellores plans para facer durante a estadía na localidade, en parella, en familia, en solitario ou en grupo; e o apartado Visita con algunhas das razóns para visitar Allariz, como a súa paisaxe, a cultura, o patrimonio ou a gastronomía, entre outras sorpresas. Por último achégase unha ligazón á Oficina de Turismo a través da que se pode contactar cos técnicos directamente.
“A nova páxina”, explicou a rexedora, “reflicte de xeito simple e visual os atractivos de Allariz seguindo a premisa de que unha imaxe vale máis que mil palabras e deixa aos usuarios coas ganas de achegarse a coñecer o concello”. Cid tamén salientou o factor sinxeleza á hora de efectuarmos unha navegación, ao tempo que puxo o foco na comodidade ofrecida para acceder dende calquera dispositivo (deseño responsive), ben sexa móbil, tableta ou computador. A web tamén fornece de ligazóns coas redes sociais da administración, principalmente Facebook e Twitter.
Allariz presenta novo portal web de turismo
Compartir Este Artigo

