
O vogal da xunta de goberno do CPEIG, Iván Luis Vázquez, será o experto enxeñeiro informático que impartirá as conferencias, destinadas principalmente “a promover un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, poñendo o foco na nenez e na mocidade”.
A xeito de adianto do miolo da charla, Iván Luis Vázquez salienta a importancia da ciberseguridade, a privacidade e o uso seguro das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación na contorna dixital, e polo tanto, na súa vida cotiá. “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital”, sinala, facendo fincapé na importancia de que a rapazada conte con supervisión para as súas experiencias en liña, sobre todo en idades temperás, co fin de axudar aos menores a “identificar que contidos non son os axeitados para eles, todo isto grazas ao apoio e indicacións dos seus pais ou titores”.
O CPEIG aproveitou a organización destas xornadas en Redondela para lembrar algunhas recomendacións que debemos ter en conta:
· Cómpre instalar un bo antivirus. É unha ferramenta imprescindible para un correcto funcionamento dos equipos cando estean conectados a Internet. E na era dos móbiles, as solucións de antivirus tamén deben exportarse a estes dispositivos para facer fronte ás continuas ameazas dirixidas aos usurarios.
· Debemos actualizar cada pouco os equipos. De forma habitual xorden ameazas e non hai máis remedio que instalar as actualizacións ou parches de seguridade en canto estean dispoñibles. É unha boa maneira de protexerse contra virus, ameazas e vulnerabilidades de última xeración, sinala o CPEIG
· Contrasinais e sistemas de protección seguros. Cada vez estamos rexistrados en máis páxinas e servizos. Debemos lembrar que os contrasinais teñen que ser distintos para cada un dos servizos. “É importante tamén usar claves complexas, que conteñan minúsculas, maiúsculas, números e letras”, explica o colexio, engadindo que “como método de axuda”, podemos usar un xestor de contrasinais para manexar todas as claves con máis comodidade.
· Engadir controis parentais. Os máis pequenos tamén se conectan a Internet. Así que deben estar advertidos sobre as ameazas que poden atoparse en liña. Para o colexio, “é importante axudalos a distinguir entre páxinas e ofertas enganosas, das que non o son; os controis parentais poden resultar moi útiles para impedir que nenos e adolescentes accedan a sitios web non axeitados”. Tamén están indicados para limitar o tempo que pasan conectados á Rede.
· Usar as redes sociais con cabeza. Os usuarios de redes sociais deben ter coidado co que comparten nelas, xa que non é conveniente compartir información persoal, incluíndo imaxes privadas, enderezos postais ou números de teléfono, levando un control exhaustivo das amizades e en redes sociais.
Redondela acolle esta semana dúas charlas do CPEIG sobre Internet segura
Compartir Este Artigo

