Este mércores celebráronse no Campus de Pontevedra unhas xornadas sobre os novos camiños que lle agardan á industria audiovisual, uns camiños cada vez máis dixitais, participativos, intelixentes, personalizados e interactivos. As Xornadas de Formación, Empregabilidade e Innovación nas Radio Televisións Públicas que promoveu o Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade (Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación) contaron coa presenza de expertos na materia como o subdirector do Instituto RTVE e profesor asociado da Universidade Complutense de Madrid José Díaz. Segundo fixo saber, xa que non é que na área de traballo dunha TV se vaia falar de realidade aumentada, Intelixencia Artificial, Big Data ou sistemas 4k, é que xa son unha realidade cotiá.
“A dixitalización mudou o xeito de consumir televisión, xerou un cambio de regras e, á súa vez, fixo abrollar novos perfís aos que hai que adaptarse”, salientou Díaz Cuesta nunha conferencia na que puxo en relación o papel da tecnoloxía no mercado audiovisual coa formación e os perfís profesionais que require actualmente a industria.
Na súa intervención, presentada por Xosé Rúas (director do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade), Díaz afirmou que a televisión, tal e como tivemos ocasión de coñecela, “está morta”, e proba diso son a proliferación das “segundas pantallas” e dos novos xeitos de consumir contidos audiovisuais. “Hoxe ninguén ve a televisión lineal”, dixo, enumerando a continuación algunhas das grandes novidades relativas á nosa nova forma de achegarnos aos contidos audiovisuais: a chegada da televisión a través do móbil, a diversificación nas plataformas ou a integración da Intelixencia Artificial a través do estándar de telefonía móbil 5G, “realidades que están xa presentes no traballo da entes como a propia RTVE”, explicou, “onde hai departamentos de innovación e tecnoloxía moi potentes”.
Ao fío do devandito, Díaz amosou exemplos de como grazas á realidade aumentada os presentadores de espazos como El Tiempo “interactuan cos contidos dun decorado”, ou como a intelixencia artificial permite que, a partires dunha serie de parámetros, os robots elaboren noticias en ámbitos como a economía.
Lembran no Campus de Pontevedra as radicais transformacións do noso xeito de consumir TV
Compartir Este Artigo

