A empresa galega SIVSA, centrada en servizos tecnolóxico-dixitais avanzados, deu acollida estas últimas semanas a un grupo de estudantes da nosa terra para mergullalos no día a día dunha firma TIC, neste caso concreto o “día a día” de SIVSA. Na experiencia participaron cinco rapaces que cursan estudan nos IES Castelao, Monte Carrasco, Carlos Casares e Beade. A súa estadía na sede central de SIVSA (onde coñeceron de primeira as instalacións e puideron dar conta do traballo da empresa en proxectos innovadores e desenvolvementos tecnolóxicos) foi posible grazas á iniciativa Tecnólog@s por un día, impulsada pola axencia AMTEGA.
O alumnado forma parte do grupo de 65 rapazas e rapaces, de entre 12 e 17 anos, que ao longo deste mes de marzo participaron na devandita actividade de AMTEGA, impulsada no marco do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020 (DigiTalent), e que ten como obxectivo fomentar as vocacións STEM, achegando a mocidade ás profesións científico-tecnolóxicas. Segundo nos lembra SIVSA, trátase da segunda edición da iniciativa, que rexistrou máis de 200 solicitudes de 50 centros educativos de máis de 25 concellos galegos, o que supón unha cifra que duplica a acadada na primeira entrega.
Por certo que AMTEGA porá en marcha unha nova convocatoria no segundo semestre de 2019 para continuar achegando as mozas e os mozos ás profesións TIC. Nesta nova quenda procurarase contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos eidos STEM, reservando un terzo das prazas para nenas co obxectivo de reforzar o atractivo vocacional destas mozas polas profesións TIC.
Dende SIVSA expresaron o seu desexo de que “esta sexa a primeira doutras moitas visitas de mozas e mozos interesadas e interesados no sector TIC e que, con elas, contribuamos a fomentar a súa vocación por este apaixonante mundo, pór un pouco de luz nas súas dúbidas profesionais e, sobre todo, atraer moito talento TIC entre as futuras xeracións”.
Estudantes de secundaria mergúllanse no quefacer diario de SIVSA
Compartir Este Artigo

