Designthinking.gal, consultora galega centrada no desenvolvemento de proxectos de innovación e capacitación a través da metodoloxía do pensamento creativo, presentou este mes de abril unha acción formativa pioneira en Galicia e máis en España: o Máster en Innovación Centrada nas Persoas, materializado en colaboración CESUGA (Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia) e con vontade de abranguer todas as titulacións e sectores profesionais. O mestrado bebe das fontes do Design Thinking, un concepto-metodoloxía de traballo que tira proveito das altas capacidades que todas e todos atesouramos, impulsando a nosa axilidade como profesionais e os recursos para resolver problemas complexos de toda índole. Contará co apoio docente de grandes representantes do ámbito TIC: Menéame, Vermis Lab, Everis ou Teimas.
A actividade formativa diríxese a estudantes de todas as titulacións e profesionais de calquera sector que “queiran aprender a traballar en proxectos de innovación que poñan ás persoas no centro”. O obxectivo do mestrado, en palabras dos organizadores, é “responder as necesidades do mundo cambiante no que vivimos e formar profesionais áxiles, dotados dun alto grao de empatía, que dominen habilidades e ferramentas para a resolución de desafíos, así como o pensamento estratéxico e a comunicación”.
Entre o cadro docente pódense atopar profesionais de referencia en todos os ámbitos de actuación que abrangue a actividade. Algúns deles son Xurxo Mariño, experto en neurociencia e autor de Neurociencia para Julia, Idoia Cuesta, creadora téxtil e premio nacional de artesanía en 2014, David Aguilar, o responsable da primeira prótese con pezas de LEGO, ou Daniel Seijo, director executivo de Menéame.
Designthinking.gal engade que “estes estudos teñen unha orientación eminentemente práctica e pretenden que os alumnos se involucren en proxectos reais, polo que se contará con empresas de recoñecido prestixio no seu sector, os cales formarán parte do equipo docente e proporán retos para que os alumnos resolvan durante o desenvolvemento da actividade”.
Na categoría de servizos participará a empresa madeireira FINSA, en innovación educativa VermisLAB, no ámbito social o Instituto Matia, a innovación en saúde e transformación dixital correrá a cargo de Everis e o reto de economía circular será proposto por Teimas.
O mestrado terá unha duración de 8 meses, desde outubro de 2019 a maio de 2020, e será de carácter semipresencial, desenvolvéndose as clases físicas nas instalacións de CESUGA os venres pola tarde e sábados pola mañá, alternándose con formación online a distancia.
Designthinking.gal presenta o primeiro mestrado estatal de innovación centrada nas persoas
Compartir Este Artigo

