Os bombeiros da Coruña están a mellorar os seus sistemas de comunicación grazas ás novas tecnoloxías. Así o informou esta semana o Concello, dando conta da renovación dos ditos sistemas, que pasan a ser dixitais e a poñer en xogo un aumento nas funcionalidades e na seguridade do cadro de persoal. Os datos foron achegados pola concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, durante unha xeira de supervisión no Parque de Bombeiros. A incorporación da tecnoloxía vén complementada con formacións para os traballadores para teren o máximo coñecemento sobre o seu uso e posibilidades. O sistema comezouse a empregar antonte mesmo.
Segundo explicou Fraga, os equipamentos incorporados permiten comunicacións máis estables e intelixibles durante as operacións e incorporan posición xeográfica de todos os equipos, o cal permite saber en todo momento, nas intervencións, onde están localizados tanto os vehículos como o persoal. O equipo integra tamén o sistema de “persoa caída”, polo que un terminal pode lanzar de maneira automática un sinal de emerxencia aos demais terminais cando unha persoa leva tempo sen moverse.
Este novo equipamento do Servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), que empregaba ata o momento un sistema analóxico, permite tamén a transmisión de datos. Para a súa utilización instaláronse cinco receptores dixitais en barrios da cidade (situados en Monte Alto, Bens, Eirís, Ventorrillo e a torre de control marítimo) e un máis no propio Parque de Bombeiros que se pode carrexar e empregar durante as intervencións, xa sexa por falta de cobertura ou en momentos de caída da rede. O sistema, asemade, pon en xogo novidades en canto aos terminais que vai usar o persoal de Bombeiros, “máis sinxelos, fiables, doados de usar e adaptados ás condicións das intervencións nas que traballa un bombeiro”, indicou a concelleira.
Os bombeiros da Coruña estrean sistema de comunicacións dixital
Compartir Este Artigo

