Business Factory Aero (BFAero), a aceleradora galega do sector aeroespacial, vén de dar a coñecer os nomes dos 16 finalistas da súa primeira edición. Segundo informou a Consellería de Economía, impulsora da iniciativa, ao proceso de selección presentouse a salientable cifra de 48 candidaturas, destacando as propostas da nosa terra, que coparon a metade das contribucións (tres na provincia de Pontevedra, tres na Coruña e outras dúas de Lugo). A seguinte Comunidade que achega un meirande número de finalistas foi Madrid (cinco), mentres que Cataluña, a Comunidade Valenciana e Londres tamén contan cun representante nesta etapa.
Por áreas temáticas, salienta a de cargas de pago e sistemas embarcados, á que se adscriben un total de 13 contribucións. Séguenlle as iniciativas relativas ao deseño e produción de vehículos non tripulados (9), as de aeronavegabilidade (7), as relacionadas coa obtención de datos e información (7) e as de fabricación (7).
En canto á etapa na que se atopa cada un dos finalistas, un 62,5% optan á de incubación (10 propostas), mentres que as que aspiran a entrar en aceleración son o 37,5% restante (seis, en termos absolutos).
No tocante ao tipo de actividade que ofrecen os 16 proxectos seleccionados, achegan repostas para (por exemplo) a procura de vítimas sepultadas baixo cascallos en escenarios como terremotos, para triplicar os tempos de voo actuais grazas á produción de enerxía eléctrica por células ou para optimizar o proceso de obtención de información a partir da execución de varias capas funcionais.
Unha vez completada a fase de preselección de finalistas, agora será a quenda do Pitch Day, trámite no que os 16 elixidos deberán defender as súas candidaturas ante o comité executivo da BFAero. Esta sesión, que se realizará na cidade de Lugo o vindeiro mércores 10 de abril, incluirá unha entrevista persoal previa o día anterior co equipo promotor na que os candidatos subliñarán os méritos das súas propostas.
A primeira aceleradora galega aeronáutica
Para quen non o saiba, BFAero é da primeira aceleradora galega especializada no sector aeronáutico, posta en marcha pola Xunta de Galicia co respaldo de empresas referentes no sector como Indra e Babcock, e co apoio do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), así como da Fundación da Confederación de Empresarios de Lugo.
A iniciativa busca solucións innovadoras no sector aeronáutico e de vehículos non tripulados (UAV e USV). Para isto, seleccionaranse un total de seis proxectos, dos que tres se incorporarán para incubación e os outros tres restantes para aceleración. As iniciativas admitidas na aceleradora disporán do apoio económico da Xunta de Galicia, accedendo a un financiamento a fondo perdido de ata 100.000 euros na fase de incubación e de 50.000 en aceleración. A maiores, optarán a un financiamento en forma de préstamos de Indra (a través de Indradventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Tamén en aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros de Xesgalicia.
Ademais, a media de ducia de propostas elixidas poderán facer uso dos espazos de coworking, oficinas individuais equipadas, aulas de formación e servizos de asesoramento técnico que pon á súa disposición a Fundación CEL, así como das instalacións do complexo do aeródromo de Rozas, onde os proxectos participantes poderán utilizar os drons de Indra e Babcock (Targus e Lua) e outros equipamentos especializados do ámbito da Civil UAV Initiative.
A aceleradora galega BFAero xa ten 16 finalistas
Compartir Este Artigo

