A máis recente edición dos Premios AJE Galicia, concedidos o venres pasado pola Asociación de Empresarios Novos, tiveron notable presenza tecnolóxica. Por exemplo, a de Livetopic (asesor online que facilita planificacións financeiras, con sede en Pontevedra) e a de Cowerwind Solutions (servizos avanzados para o sector eólico). Amais, tamén obtiveron importantes recoñecementos as firmas Improving Metrics, con sede na Coruña e centrada en achegar servizos integrais e avanzados de analítica de datos e procesos de calidade da información, e máis Aerocamaras, con centro de operacións en Ourense e especializada en formación no uso de vehículos aéreos non tripulados e no desenvolvemento de drons con capacidades de xestión e autonomía pioneiras no mercado.
A entrega de galardóns foi en Sanxenxo, no Club Náutico. Ao certame presentáronse 34 candidaturas e delas o xurado salientou o denominador común do seu carácter innovador.
Polo que se refire a Improving Metrics, recibiu o Accésit á Innovación por parte do xurado, quen destacou a calidade dos proxectos desenvolvidos pola empresa ao longo de case 8 anos.
O Premio Xove Emprendedor correspondeulle a Livetopic, e foi recollido por Antonio Casal Rey. O galardón consiste nun cheque económico de 1.500 euros e un cheque formativo valorado en máis de 8.000 euros. Mentres, o Premio Xove Empresario foi para Coverwind Solutions, impulsada por Francisco Álvarez López, Pablo Domínguez e Íñigo Domínguez.

Na gala, o presidente de AJE Galicia, José Redondo e o conselleiro de Economía, Francisco Conde nas súas intervencións enxalzaron a valía e importancia dos novos emprendedores e emprendedoras no panorama económico actual.
Chuvia de recoñecementos ás nosas empresas TIC nos Premios AJE Galicia 2019
Compartir Este Artigo

