Sobre o poder das novas tecnoloxías de xerar comunicación e oportunidades laborais dende calquera recanto do mundo, sempre que haxa cobertura, a Deputación de Pontevedra vén de pór en marcha unha iniciativa destinada a combater con armas concretas un dos nosos grandes males sociodemográficos, culturais e económicos: o despoboamento do rural. Segundo lembra a entidade provincial, trátase dun proceso motivado por moitos factores, pero está claro que contra un deses factores, a falta de formación e equipamento tecnolóxica, si que se poden tomar medidas dende xa. Aí entra en xogo a iniciativa TI (C) Emprendes, cuxo principal obxectivo é fixar xente nova no rural. E facelo través do emprego, o autoemprego, o emprendemento e a capacitación dixital.
TIC Emprendes, cun orzamento de 702.975 euros, céntrase en 31 concellos da provincia nos que existen problemas demográficos, sobre todo o envellecemento, a perda de poboación e a dispersión xeográfica, e cunha renda per cápita inferior á media da provincia e da Comunidade Autónoma. Así, está previsto que se beneficien do programa Agolada, Arbo, Barro, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade,Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario Moraña, As Neves, Pazos, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas, Rodeiro, Oia, O Rosal, Silleda, Valga e Vila de Cruces.
En concreto, o programa vai dirixido a 390 persoas mozas (16-30 anos) residentes nestes concellos, incluídas as persoas con diversidade funcional, non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, que estean inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. O obxectivo do proxecto é que o 15% da xente nova que participe comece unha iniciativa emprendedora, o 30% obteña un emprego e o 80% permaneza no seu lugar de residencia.
Para superar estes retos e unha vez que o programa reciba o visto bo dos fondos europeos, achegaranse á mocidade accións formativas enmarcadas en dez eixos temáticos específicos que serán completados cun módulo de formación no emprendemento, autoemprego e creación de empresas. Máis polo miúdo, impartirase formación específica sobre programación web con software libre; creación e xestión de páxinas web; creación e xestión de tendas online; desenvolvemento de aplicacións móbiles; creación de aplicacións de realidade virtual e realidade aumentada; xeración de contidos dixitais; mercadotecnia dixital; análises de datos e Big Data; seguridade en redes informáticas e robótica.
Pola súa banda, en canto á formación de autoemprego e arrinque de novas empresas abordaranse cuestións como o Design Thinking, a investigación da contorna, estudos de mercado, idea e definición da proposta de valor, deseño do plan de negocio, definición de obxectivos, plan de mercadotecnia, plan de operacións, plan económico financeiro e plan de implantación.
A Deputación de Pontevedra vai combater o éxodo rural con formación TIC
Compartir Este Artigo

