As mulleres galegas pechan fileiras arredor da igualdade tecnolóxica e científica, da reivindicación das importantes contribucións femininas a estes ámbitos e da necesidade de derrubar coas falsas crenzas e estereotipos que impiden ás mozas acceder plenamente aos estudos STEM (Science, Technology, Engineering & Mathematics). Nesta liña de traballo é onde se sitúa o primeiro grupo galego Enxeñeiras I Mas (I+), que presentou a semana pasada a súa proposta de programa de actividades para os vindeiros meses, entre as que se inclúen xornadas e visitas aos centros educativos para mostrar “a importancia de que as nenas coñezan as carreiras STEM”.
Na xuntanza do grupo participou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen “amadriñou” en Vigo a creación do colectivo de mulleres enxeñeiras, cuxos obxectivos primeiros pasan por “poñer ideas en común, definir iniciativas para visualizar a situación das carreiras STEM, sumar sinerxías, obter feedback e traballar para impulsar o papel da muller nas enxeñarías”.
O grupo, que manterá reunións periódicas de traballo, integra a mulleres de diferentes eidos da enxeñaría (forestais, industriais, telecomunicacións, etc.) e ten a súa orixe en faladoiros previos entre as enxeñeiras e a presidenta provincial.
Carmela Silva, que cualificou de “unha idea magnífica” a creación deste grupo, incidiu na “enorme preocupación que temos ante o descenso do número de rapazas na matriculacións nas carreiras técnicas”, e máis se temos en conta que o mundo vai estar dirixido polas persoas que teñan coñecementos avanzados nas disciplinas STEM: “Se o 75% das persoas que estudan esas carreiras son eles, eles serán os que dirixan mundo e iso non o podemos consentir”, engadiu.
A vindeira posta en marcha dunhas xornadas para intercambiar recursos e debater sobre a situación das mulleres da enxeñaría, ou a organización de visitas aos centros educativos para que as nenas teñan referentes destas profesións técnicas, son algunhas das ideas que xurdiron deste primeiro encontro.
As enxeñeiras galegas xuntan forzas para incrementar as vocacións femininas STEM
Compartir Este Artigo

