O Concello da Coruña intensificou as súas políticas para loitar contra as adicións derivadas dun uso indebido das novas tecnoloxías, especialmente na mocidade. Isto materializouse nun incremento dos fondos para previr este tipo de adiccións, que o ano pasado duplicáronse. Así o vén de comunicar a Concellería de Xustiza Social e Coidados que dirixe Silvia Cameán, que lembra que ao abeiro desta liña de actividade preventiva desenvolvéronse obradoiros que puñan o foco en metodoloxías para evitar un uso indiscriminado e sen control de TIC e xogos en liña.
Segundo salientou Silvia Cameán, amais dos fondos adicados e do número de actividades tamén se incrementou a participación da cidadanía, que subiu un 13%, dando atención a algunhas das preocupacións das familias sobres as adiccións e comportamentos de rapaces e rapazas no entorno dixital. Así, un total de 10.538 persoas tiveron parte activa nas actividades que se realizaron en centros escolares e nos ámbitos familiar, comunitario e en cooperación con entidades que traballan para previr e tratar os devanditos trastornos.
Case 170.000 euros
As diferentes liñas de traballo do programa tiveron durante o 2018 un orzamento de 168.998 euros, fronte aos 78.000 euros do ano anterior. Este incremento do 116% nos fondos permitiu ampliar os talleres que se impartiron nos centros escolares, nos que participaron 8.295 mozos e mozas, e que trataron a prevención do consumo de tabaco, alcol e drogas e o uso de Internet e o ciberacoso, entre outros temas. “As adiccións sen substancia son unha preocupación crecente tanto nas familias como nos centros escolares, que observan usos non axeitados das novas tecnoloxías e que poden acabar provocando adicións ou, no peor dos casos, convertendo á mocidade en vítimas de, por exemplo, sexting ou outras situacións que poden rematar en delito”, explicou a concelleira.
No eido educativo, ofertáronse no pasado ano 13 obradoiros para menores de entre 5º de Educación Primaria e Bacharelato e FP Básica. Os centros escolares tamén incrementaron a solicitudes de formacións, de 131 a 140 durante o 2018. Estes obradoiros compleméntanse no ámbito familiar con charlas preventivas dirixidas ás ANPA e a grupos de pais e nais organizados dende os centros cívicos nas que se lles facilitan pautas para identificar e actuar en situacións de risco de adicción.
A Coruña duplicou os fondos para loitar contra o mal uso das TIC
Compartir Este Artigo

