O Concello de Ponteareas pon hoxe un funcionamento unha ferramenta tecnolóxica para favorecer a xestión e a comunicación coa veciñanza e para garantir o bo funcionamento dos servizos locais (coa axuda e colaboración estreita da cidadanía). Estamos a falar dunha aplicación móbil para a resolución de incidencias municipais.
A app, encadrada ao abeiro da estratexia Ponteareas, Hábitat Saudable (financiada con fondos europeos de desenvolvemento rexional), comeza a funcionar coas xestións ligadas á recollida do lixo e ao medio ambiente, logo de meses de proba e validación internas. Nas vindeiras semanas ampliarase ao resto dos servizos. Permite facer comunicacións e incluír fotografías de maneira “totalmente gratuíta e inmediata”.
Segundo explicou o Concello, “a nova aplicación de incidencias posibilitará á cidadanía transmitir e demandar reparacións e problemas sen ter que achegarse fisicamente á xaneliña do rexistro para solicitalo”. A ferramenta terá capacidade para xestionar e diferenciar todo tipo de incidencias (danos de calquera índole na vía pública, vertedoiros, recollida de lixo, desabroches, iluminación, etc.) e irá sendo progresivamente implantada en novas áreas.
O Concello salienta que se trata dun recurso “intuitivo e de doado manexo”, e que para tirarlle proveito só hai que entrar na App Store ou na Play Store e descargar a aplicación (GECOR), rexistrase e seleccionar “Concello de Ponteareas”.
A ferramenta, que permite tamén facer seguimento da incidencia, inclúe unha aplicación web para a xestión global e unha app móbil para os operarios municipais ou das súas subcontratas coa que xestionar os arranxos e tamén enviar arquivos fotográficos. Este novo servizo é compatible con navegadores Firefox, Chrome, etc.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, explicou que guiará o futuro de Ponteareas para converter a cidade nun espazo saudable, sustentable, dixital e moderno, e que permita a convivencia e a participación cidadá cun simple teléfono móbil”. O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Benito Márquez, explicou que se porá a disposición do cidadán unha ferramenta de fácil acceso, inmediata e áxil que reduce os trámites burocráticos.
Ponteareas lanza aplicación móbil para a resolución de incidencias municipais
Compartir Este Artigo

