Quen queira obter agasallos dos nosos establecementos ao mesmo tempo que colabora co comercio local, vai ter unha boa oportunidade de facelo na web www.diasazuis.com, que é faciana visible da campaña Días Azuis, cuxa terceira edición foi presentada hoxe ante os medios e a cidadanía. No acto participaron representantes de Abanca, a Federación Galega de Comercio e a Xunta, que son as entidades impulsoras da campaña. Esta busca, ante todo, incentivar as compras nos negocios de proximidade. Haberá dúas edicións na campaña: a primeira este mes de maio, incluíndo o reparto de 80 tarxetas prepago-agasallo de 300 e 150 euros. A outra edición será no segundo semestre do ano.
A primeira acción de Días Azuis do Comercio Galego desenvolverase dende o vindeiro luns, 13 de maio, ata o 26 de maio, coa colaboración dos establecementos de máis de 100 asociacións e centros comerciais abertos da Comunidade Autónoma. Durante estas datas, os clientes que merquen nos establecementos retallistas (minoristas) poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago regalo, de 300 e de 150 euros. Para participar temos que rexistrar a compra na páxina da campaña www.diasazuis.com ou solicitar ao comerciante que faga o rexistro.
Segundo fixeron saber hoxe na presentación, a campaña virá acompañada dun forte impacto nas redes sociais, a través do cancelo #díasazuis.
A campaña Días Azuis do comercio galego está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Conta coa colaboración de Abanca, entidade que aporta os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.
Na presentación da campaña, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, suliñou o éxito e a importancia que estas campañas “teñen na dixitalización e promoción do sector”, e marcou como reto superar os 95.000 billetes de compra rexistrados en 2018.
Diasazuis.com impulsa con agasallos a nosa fidelidade ao comercio local
Compartir Este Artigo

