Botar luz sobre todas as actividades diarias (comunicacións, busca de datos, trámites administrativos) que podemos facilitar e axilizar por medio das novas tecnoloxías. Este é o gran obxectivo común dos obradoiros que prepara a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal de Santiago para este mes de xuño: dous talleres de balde parar formar á cidadanía nas vertentes máis prácticas dos novos dispositivos. Segundo informa a biblioteca, os cursos teñen un carácter práctico de cara á súa aplicación e aproveitamento na vida cotiá.
Os cursos Queres perder o medo ao teu smartphone? e Xestións por internet: banca online, E- Administración, E-Saúde, servizos electrónicos serán impartidos por profesorado da academia Tesdai.
A celebración das sesións formativas terá lugar nas salas de traballo en grupo do terceiro andar.
Para o curso Queres perder o medo ao teu smartphone? as persoas participantes deberán traer o seu propio teléfono intelixente. No curso Xestións por internet, a biblioteca porá a disposición de cada unha das persoas admitidas un ordenador portátil con conexión a Internet vía Wi-Fi. Ademais, deberán traer un teléfono móbil para acceder á rede sen fíos
O período de inscrición abrirase o 4 de xuño e prolongarase ata o 14 de xuño. Requírese inscrición previa chamando ao 881 999 401 ou acudindo directamente ao mostrador do andar baixo da biblioteca. Para poder participar é necesario ser socio ou socia da biblioteca.
A Biblioteca Ánxel Casal móstranos como aproveitar as TIC na nosa vida cotiá
Compartir Este Artigo

