Este martes 4 de xuño o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) iniciou na Coruña unha nova quenda de charlas do programa divulgativo da súa Oficina de Transformación Dixital (OTD). Foron dúas sesións (hoxe) nas que se afondou nas aplicacións da tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain) para usos empresariais, por unha banda, e en como aplicar a Lei de Protección de Datos a través da ciberseguridade, pola outra. Para que non o saiba, a tecnoloxía blockchain consiste en libros de contabilidade electrónicos que son compartidos abertamente por moreas de usuarios e que gravan todas as transaccións que se apuntan neles e sen que haxa xeito de modificalas. Teñen unha manchea de posibilidades para o ámbito das moedas virtuais.
A formación sobre blockchain ofreceuna hoxe Daniel Cerqueiro, licenciado e doutoramento en Ciencias Físicas e actual CMO de Docuten, empresa especializada en sinatura dixital, factura electrónica e solucións de cobros. Cerqueiro describiu como esta tecnoloxía, desenvolvida na última década, “elimina intermediarios a través do uso de redes compartidas e ten aplicacións a nivel práctico como os contratos intelixentes, a seguridade nas transaccións ou a certificación da veracidade documental”.
Cerqueiro manifestou que “malia a crecente popularidade do blockchain”, aínda hai grandes contornas da sociedade e do tecido empresarial que non coñecen de facto as súas utilidades e o seu potencial, “se é algo máis ca unha ferramenta para crear criptomoedas”. Este foi o motivo de que adicase gran parte do seu relatorio a debullar diversos exemplos de uso para comprobar o uso potencial desta tecnoloxía no ámbito empresarial.
A outra relatora do día foi Celia Fariña Pagés, licenciada en Física e máster en Telemática, actual responsable de salvagarda da información da delegación do Grupo Isonor na Coruña. Celia, na súa charla, mostrou os cambios normativos da Lei de Protección de Datos e da garantía dos dereitos dixitais, amais de abordar como se poden aplicar na empresa a través da ciberseguridade. Neste senso, puxo o foco nas principais ameazas para as compañías e nas maneiras máis eficaces de afrontalas. Fariña tamén brindou recursos prácticos sobre como cumprir as nosas obrigas co coñecemento (propio e alleo) e coa privacidade a través de diversas ferramentas ao noso dispor.
124 accións nos vindeiros meses
A actividade deste 4 de xuño na Coruña enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ás sete principais cidades galegas ata o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
As moitas posibilidades empresariais da tecnoloxía blockchain, polo miúdo na Coruña
Compartir Este Artigo

