Como alternativa ás anchas pestanas superiores nas pantallas dos smartphones compañías como Samsung optaron por incluír nos seus modelos de móbil de alta gama pantallas perforadas para deixar espazo para a súa cámara frontal, e aínda que estamos ante un elemento que pode resultar molesto á vista nalgunhas ocasións, pode resultar bastante discreto se chega acompañado por fondos de pantallas que axuden a disimulalo. Para axudar a facer tal veñen de lanzar unha nova gama de fondos de pantalla exclusivos para o Samsung Galaxy S10 con deseños baseados nos filmes da Disney como Los Increíbles, Frozen ou Zootrópolis, que inclúen elementos que facilitan que a cámara frontal do móbil pase desapercibida, á vez que aledan a vista con imaxes ricas en cor e con personaxes moi recoñecibles e queridos.
Samsung xa conta no seu catálogo con numerosos fondos de pantalla deseñados por artistas que souberon ver xeitos de aproveitar a cámara frontal do Galaxy S10 como un elemento a incorporar ás súas imaxes, aínda que desta volta as imaxes engadidas son posibles grazas a un acordo de colaboración entre Samsung e Disney (que xa achegara o ano pasado AR Emojis de grande éxito) que beneficia polo momento a usuarios do Samsung Galaxy S10 e S10e (o S10+ quedaría fóra xa que integra unha cámara frontal dual).
Novos fondos de pantalla de Disney para o Galaxy S10
Compartir Este Artigo

