As entidades impulsoras da segunda Lanzadeira de Emprego de Vigo presentaron onte unha manchea de detalles sobre os fitos conseguidos pola iniciativa dende o inicio da súa andaina. Foi no marco dunha visita institucional dos concelleiros de I+D e Facenda, Ana Mejías e Jaime Aneiros. Segundo se fixo saber, a segunda convocatoria da palestra laboral foi quen de chegar ao ecuador do seu desenvolvemento cun 50% de inserción. Como lembraremos, a lanzadeira viguesa vén da man da Fundación Santa María La Real, a Fundación Telefónica e o Concello de Vigo.
A iniciativa comezou a funcionar a finais de marzo para axudar a unha vintena de persoas en situación de desemprego a reactivar a súa procura de traballo con novas técnicas e ferramentas de orientación laboral acordes ao novo mercado laboral: “Continuamente cambiante, máis tecnolóxico e dixital, e con novas profesións emerxentes”, en palabras das ditas entidades.
Yolanda García Seonae, técnica da dita fundación, explicou que o equipo comezou con 20 participantes, que durante estes primeiros meses realizaron obradoiros de autocoñecemento e intelixencia emocional para aprender a facer un plan de procura de traballo e enfocar o seu obxectivo laboral; actualización e modernización de currículos; simulacións de entrevistas de traballo e procesos de selección grupal. Así mesmo, aprenderon novas técnicas de comunicación, marca persoal e promoción profesional, así como de procura de traballo na contorna dixital.
Froito do traballo colectivo e do propio esforzo individual, hai 11 integrantes que atoparon traballo por conta allea en varios sectores: loxística, comercio, tele-mercadotecnia, sanidade ou mantemento, entre outros. Os 9 compañeiros restantes (7 mulleres e dous homes) continuarán participando no programa ata lograr a súa inserción laboral.
A segunda Lanzadeira de Emprego de Vigo xa conseguiu un 50% de inserción
Compartir Este Artigo

