Este verán o rural galego estrea un novo espazo TIC para seguir facendo fronte común contra a fenda dixital (a fenda de infraestruturas, conectividade, oportunidades e formación que segue a separar a Galicia urbana da que non o é). Estamos a falar da biblioteca e nova aula de informática de Frades, ata o de agora un edificio multiusos do Concello, pero que se vén de acondicionar para facer avanzar a presenza das TIC entre a poboación deste municipio coruñés.
As actuacións levadas a cabo pola Consellería de Medio Rural (a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER), contaron cun orzamento de 40.000 euros. No remate das obras fixo acto de presenza o propio director da axencia, Miguel Pérez Dubois, quen comprobou o resultado final deste proxecto de mellora, que consistiu na rehabilitación integral do edificio, un remate que aproveitou o material e estruturas existentes pero que incorporou innovadores elementos de illamento axeitados para as actividades de estudo.
O director xeral destacou o aproveitamento destas infraestruturas en beneficio dos veciños e subliñou que “este proxecto vai ofertar un novo servizo que permitirá un maior arraigamento dos veciños ao territorio, xa que se habilita unha biblioteca e unha aula informática e de emprego das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC”.
30 iniciativas
O traballo realizado en Frades forma parte dun proxecto de apoio ao desenvolvemento rural, que se centra no impulso a proxectos senlleiros. Nos dous últimos anos leváronse a cabo 30 iniciativas que contaron cunha achega de Medio Rural de máis dun millón de euros. Para este ano 2019, o orzamento presupostado ascende a máis de 900.000 euros.
“Este tipo de proxectos”, matizou o director xeral, “permiten defender e promover os valores culturais do pobo galego, actuando no fomento e promoción da cultura e na protección, conservación e difusión do patrimonio cultural”. Exemplo disto foi o acondicionamento do local social de Poulo (Ordes), a rehabilitación dun “pendello” nun mercado tradicional (Agolada) ou a mellora do centro hípico do mercado de gando de Guimarei (A Estrada), entre outros.
O concello de Frades estrea aula de informática
Compartir Este Artigo

