Esta semana (onte e hoxe) estase a celebrar no Campus de Vigo un encontro estatal que xunta expertos de novas tecnoloxías da información e especialistas en ciencias da educación, todos eles co nexo común de investigaren novos xeitos de achegar formación e coñecemento: novas fórmulas que se apoian directamente no ámbito do Learning Analytics, que é como se coñece a aplicación de técnicas de minería de datos, analítica da información e Aprendizaxe Máquina (Machine Learning) ao eido do estudo. Estas son as cuestións que centran o Learning Analytics Summer Institute Spain 2019, o simposio estatal que se celebra este xoves e venres na Escola de Enxeñería de Telecomunicación do campus de Vigo.
Máis en detalle, trátase da cita anual de SNOLA, a Spanish Network Of Learning Analytics, unha rede temática composta polos principais investigadores nacionais dedicados ao estudo avanzado de datos de aprendizaxe. Esta rede está composta por oito grupos de investigación, entre eles o grupo GIST (Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos) da Universidade de Vigo, que desenvolve unha liña de investigación en aplicacións das TIC para o ensino e á aprendizaxe dende o ano 1995 e que actúa como anfitrión deste congreso.
Nesta quinta edición o coordinador da organización é o profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo Manuel Caeiro. O docente explica que o congreso está dirixido principalmente a “investigadores do eido do Learning Analytics, tanto dende un punto de vista da analítica de datos e do desenvolvemento software de sistemas e servizos de ensino a distancia, como de expertos das ciencias da educación e da súa xestión, interesados na aplicación destas técnicas e das posibles implicacións que pode ter”.
Esta é a primeira vez que este congreso se celebra en Galicia e o lugar escollido foi Vigo, tras o seu paso en anteriores edicións por Euskadi, León e Madrid. No acto de apertura, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, deulles a benvida aos asistentes e agradeceu á rede SNOLA a súa confianza na Universidade de Vigo para a organización deste simposio. O reitor comprometeuse a “analizar as conclusións deste congreso dende o equipo de goberno para ver a posibilidade de incorporar novidades na docencia universitaria”.
Na inauguración tamén interveu Íñigo Cuiñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, quen salientou a relevancia do Learning Analytics porque se centra en temas que “melloran a docencia e a aprendizaxe” tanto dende o punto de vista do alumnado como do profesorado. “O Learning Analytics está moi ligado á análise de información a gran escala”, polo que “engancha cunha boa parte da Enxeñaría de Telecomunicación” pero tamén coa didáctica, xa que nos axuda a comprender “como aprenden os nosos alumnos e como ensinamos nós”.
O congreso arrancou cunha das dúas conferencias convidadas deste congreso, a de Mar Pérez Sanagustín, docente da Université Paul Sabatier Tolouse III, que fixo un percorrido polas oportunidades que estas tecnoloxías de aprendizaxe presentan para a educación superior e seu papel como “motor para a transformación da educación superior”.
A xornada de hoxe será de carácter máis técnico, e incluirá o relatorio de Manuel Lama, da USC, sobre minaría de procesos en educación, así como presentacións de traballos de investigación, una mesa redonda e un obradoiro.
Expertos reunidos na UVigo mostran a revolución do ensino da man dos datos
Compartir Este Artigo

