Estes días (onte e hoxe) estanse a celebrar en Santiago as Xornadas sobre Intelixencia Artificial e Desenvolvemento Humano, da man da Universidade de Santiago e a Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital Microsoft de Valencia. A cita desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Transformación da educación por e para a Intelixencia Artificial. A xornadas, cuxas anteriores edicións tiveron lugar en Valencia e Granada, contan coa participación activa dun centenar de especialistas en tecnoloxías intelixentes pertencentes a máis de 20 universidades estatais, a Conferencia de Reitores, as administracións (autonómica, estatal e local) e os sectores empresariais e profesionais.
Esta é unha iniciativa enmarcada nas actividades da Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital Microsoft da Universitat de Valencia cuxa organización acomete a USC coa colaboración do seu Centro singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e da Rede Empresa e Administración.
O encontro comezou este xoves cun primeiro coloquio ao redor da estratexia nacional de IA e sobre o grao de desenvolvemento da I+D+i neste ámbito, da man do asesor en Ciencia e Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Manuel González, e do profesor da Universidade de Granada Francisco Herrera, respectivamente.
Este venres 28 o reitor da USC, Antonio López, presidiu no salón de graos da Facultade de Dereito a sesión inaugural das xornadas, nun acto no que tamén participou a conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar. De inmediato fóronse desenvolvendo as distintas sesións previstas e agrupadas ao redor de tres bloques temáticos: a formación en IA dos profesionais STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e do profesorado, así como dos futuros profesionais do dereito e da economía e a empresa.
“Non son todos os ámbitos da formación universitaria nos que convén incidir, pero quizais si aqueles por os que temos que empezar, e de contado”, afirmou Ricard Martínez, director da Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital Microsoft- Universitat de Valencia, en cuxas actividades se enmarcan as xornadas.
Martínez engadiu que “a universidade española enfróntase ao reto de ser un dos motores no liderado da investigación e a educación en materia de IA”. Iso, dixo, “esixe abordar un deseño educativo orientado ás competencias dixitais”.
Pola súa banda, o director do CiTIUS, o profesor Senén Barro, explicou que “as tecnoloxías intelixentes, como a aprendizaxe automática, os datos a gran escala ou o Internet das cousas, están a cambiar axiña o tipo de habilidades que requiren os profesionais e afectan cada vez de xeito máis intenso ao emprego”. E engadiu: “As máquinas serán cada vez máis intelixentes e xa están a demostrar máis competencia que as persoas en moitas tarefas nas que paradoxalmente insistimos na educación. Debemos ensinar aos nosos mozos aquilo que máis nos diferencia das máquinas, como a creatividade ou o pensamento crítico, ou acabarán facendo o traballo para o que usar unha máquina aínda salga máis caro”, destaca Senén Barro.

