Un dos congresos máis referenciais do mundo en materia de redes neuronais, o IJCNN, está a contar cunha notable presenza de investigadores do CITIC. Máis polo miúdo, de Joaquim de Moura, Plácido Lizancos e Álvaro Suárez, todos eles integrantes da área de Visión Artificial do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña.
A edición 2019 da International Joint Conference on Neural Networks (IJCNN) celébrase esta semana (ata hoxe) en Budapest (Hungría). Nela, os investigadores da nosa terra están a presentar catro salientables proxectos sobre aprendizaxe profunda (Deep Learning) e outras tecnoloxías avanzadas e as súas potencialidades para o ámbito da óptica, os tratamentos oculares ou a visión artificial.
A Conferencia Conxunta Internacional sobre redes neuronais (IJCNN) de 2019 estase a celebrar no Hotel InterContinental Budapest en Budapest. Está organizada pola International Neural Network Society (INNS) en colaboración coa IEEE Computational Intelligence Society e é a principal reunión internacional para investigadores e outros profesionais nas redes neuronais e áreas afíns. Conta con charlas plenarias achegadas por relatores de renome mundial nos eidos da teoría e aplicacións de redes neuronais, neurociencia computaciona, robótica ou Intelixencia Artificial. Ademais das sesións técnicas regulares con presentacións orais e pósteres, o programa da conferencia abrangue sesións especiais, competicións, titoriais e obradoiros sobre temas de interese actual.
Investigadores do CITIC participan en Budapest na conferencia internacional sobre redes neuronais
Compartir Este Artigo

