
Segundo lembra Tesla Technologies, facéndose eco de datos de Eurostat relativos a 2018, o 16,5% da mocidade da Unión Europea de idades comprendidas entre os 20 e os 34 anos (ao redor de 15 millóns de persoas) non recibe educación nin formación, nin están no mundo laboral. “En España estas cifras son máis altas chegando a ter en Galicia unha taxa de desemprego do 27,25%”, explican dende Tesla Technologies, engadindo que dentro do dito grupo de idade hai unha gran porcentaxe de mozas e mozos que non se educa, nin ten emprego nin capacitación. É a chamada xeración NEET, un colectivo cunha taxa de desemprego extremadamente alta. Axudalos a saír da situación con recursos tecnolóxicos e formación avanzada é o gran obxectivo de IPS4NEETs (Individual Placement and Support for NEETs through Education Youth Technology Platform). O obxectivo é ter a ferramenta do proxecto desenvolvida e implantada en Eslovenia, Hungría e Romanía en 2021.
Segundo lembra Tesla Technologies, o método IPS desenvolveuse en Estados Unidos nos anos 90 e mostra mellores resultados cós métodos tradicionais. Para sacarlle partido, xuntáronse entidades e empresas de España (Tesla Technologies & Software), Eslovenia (Public University of Ptuj), Romanía (Asociatia EIVA), Hungría (Interregio Forum Association) e Noruega (Fønix AS, expertos en IPS).
O papel de Tesla Technologies será o de pór en xogo a súa experiencia TIC (máis dunha década impulsando e dando forma a proxectos educativos e de integración social e dixital) para afrontar o reto de deseñar as ferramentas tecnolóxicas que fagan posible cumprir o obxectivo de implantación do proxecto. Con este fin, explica a compañía, “a nosa firma empregará as tecnoloxías máis vangardistas como pode ser a inclusión de recursos desenvolvidos en Realidade Aumentada, Realidade Virtual ou aprendizaxe máquina para diferentes sectores, como educación ou Industria 4.0”.
A galega Tesla Technologies loitará contra o desemprego xuvenil europeo con tecnoloxía de seu
Compartir Este Artigo

