A mocidade da provincia de Pontevedra que queira formación tecnolóxico-dixital este mes de outubro, vaina ter nas súas máis variadas manifestacións, grazas ao proxecto formativo Millennials 2019 lanzado pola Deputación de Pontevedra. A entidade anunciou esta semana que hai dez cursos preparados, con prazo de inscrición aberto, para desenvolver ao longo dos vindeiros días en varias localidades da provincia. Todos eles teñen o obxectivo común de mellorar a empregabilidade das mozas e mozos con recursos avanzados de tecnoloxía. O prazo está aberto ata o venres 27. Abordaranse temas como o desenvolvemento de apps, as claves da mercadotecnia en liña ou as posibilidades da impresión 3D.
Entre os cursos figura a nova edición dunha acción formativa en Pontevedra e outra en Vigo que se levan desenvolvendo desde xullo, pero que a Deputación decidiu repetir nunha nova convocatoria pola súa gran demanda e acollida. Trátase dos obradoiros Marketing dixital: estratexias SEO, SEM, redes sociais e análise de tráfico web en Pontevedra e Creación de contidos dixitais (videoxogos, imaxe e vídeo) en Vigo. As persoas interesadas xa poden inscribirse nos correos electrónicos cursoEOI.pontevedra@eoi.es e cooperacion@depo.es.
Os oito cursos restantes impartiranse, ademais de en Pontevedra e Vigo, en Vilagarcía de Arousa e Ponteareas. Así, en Pontevedra, ademais do curso Marketing dixital: estratexias SEO, SEM, redes sociais e análise de tráfico web están previstas as accións formativas Creación e xestión de tendas en liña, cuxa duración ascende a 316 horas; e Xestión de fidelización de establecementos turísticos, de 166 horas.
Por outra banda, Vigo acollerá outras catro accións formativas, alén do curso Creación de contidos dixitais (videoxogos, imaxe e vídeo). Son Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado, de 316 horas lectivas; Creación de aplicacións móbiles (aplicacións para Android e IOS), tamén de 316 horas; Organización e xestión de produción: Lean Manufacturing 4.0, de 312 horas; e, por último, Xestión de empresas turísticas. Deseño e desenvolvemento de produtos, de 166 horas. A totalidade destes cursos terá lugar na sede da Deputación en Vigo.
En Vilagarcía de Arousa (Matosinhos) terá lugar a acción formativa Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado, mentres que o CDL de Ponteareas acollerá a acción formativa Programación web con software libre. Web development bootcamp. Ambos os dous cursos contan cun total de 316 horas de formación.
As persoas interesadas nestes oito cursos poden inscribirse a través da web da EOI e e obter información adicional a través do enderezo electrónico coooperacion@depo.es ou no teléfono 986 804 100 (extensións 40652 e 40267).
Millennials recunca cunha decena de cursos TIC para a mocidade pontevedresa
Compartir Este Artigo

