O pasado verán presentouse a primeira comunidade en liña das artes escénicas de Galicia, a comunidade mundoescenico.gal, un espazo informativo e participativo aberto e gratuíto que ten o obxectivo de “modernizar, democratizar e facer máis accesibles” o teatro, a música, a danza e o folclore. A iniciativa, posta en marcha polo emprendedor Daniel Amós (ao abeiro da terceira edición do programa de emprendemento colaboratorivo Go2Work de Barro, impulsado pola Deputación de Pontevedra), vén nesta recta final de ano con novidades importantes. Por exemplo, o fito de ter superado xa o centenar de membros (espectadores, artistas, profesionais do sector e xestores culturais) ou a súa inminente participación en Culturgal, a feira da cultura galega que se celebra esta finde en Pontevedra.

A nivel de uso, a plataforma permite que un mesmo membro poda ter varios roles simultaneamente, así como indicar o seu interese nos diferentes ámbitos das artes escénicas. En particular, un 40% son espectadores, un 40% artistas profesionais, un 30% artistas amateur, un 15% profesionais do sector e tamén un 15% xestores culturais. No tocante as disciplinas, o 75% dos membros teñen interese en teatro, un 60% en música, un 40% en danza e un 30% en folclore. Por outra parte, a comunidade conta actualmente cunha base de datos de máis de 2.000 grupos dos que aproximadamente a metade son de música, un 20% de teatro e un 25% folclóricos.

Participación no Culturgal 2019
O proxecto Mundo Escénico foi seleccionado para participar en Culturgal, onde presentará unha ferramenta online que se está a desenvolver orientada a que os xestores culturais elaboren as súas programacións de “forma moi sinxela” e difundan de maneira automática as súas necesidades a artistas e grupos, explica Daniel Amós, engadindo que “esta ferramenta pretende facilitar o labor dos programadores de eventos e ao mesmo tempo dar as mesmas oportunidades a todos os grupos, compañías e bandas para formar parte das diferentes axendas culturais do ámbito galego”. A presentación terá lugar o venres 29 de novembro ás 20:30h no Espazo Foro do Pazo da Cultura de Pontevedra.

