En marcha a primeira comunidade en liña das artes escénicas galegas: Mundoescenico.gal

venres, 2 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe presentouse ante o mundo a primeira comunidade en liña das artes escénicas de Galicia, mundoescenico.gal, un espazo informativo e participativo aberto e gratuíto que ten o obxectivo de “modernizar, democratizar e facer máis accesíbeis” o teatro, a música, a danza e o folclore. A iniciativa vén da man do emprendedor Daniel Amós, ao abeiro da terceira edición do programa de emprendemento colaboratorivo Go2Work de Barro, impulsado pola Deputación de Pontevedra e máis a Escola de Organización Industrial.
A comunidade, que xa está en activo, apóiase tematicamente sobre os catro piares das artes escénicas: teatro, música, danza e folclore, os cales, á súa vez, abranguen todo de xéneros, propostas e formatos: teatro cómico, novo circo, contacontos, monicreques, pallasos/as, maxia, animación infantil, acrobacias, bandas de música, música pop-rock, cantautores/as, orquestras, corais, danza contemporánea, baile moderno, ballet, música folclórica, gaiteiros/as, pandeireteiras/os, baile tradicional e “moitos máis”.
Segundo nos conta o seu principal artífice, Daniel Amós, Mundo Escénico diríxese sobre todo a catro tipos de perfís de usuarios e destinatarios, membros en potencia dunha comunidade destinada a establecer ligazóns e interaccións entre toda a xente implicada no fenómeno escénico. Estes catro perfís son os seguintes: os espectadores, que “buscan unha axenda completa e actualizada e tamén valorar e seguir ós seus grupos favoritos”; os artistas, membros de grupos, bandas e compañías que “necesitan unha rede social do sector onde divulgar os seus espectáculos e conectar con outros artistas e profesionais”; os xestores e programadores culturais, que “precisan un directorio cos todos os grupos e espectáculos en carteleira con valoracións da comunidade para poder deseñar de forma máis efectiva as súas axendas”; e os profesionais do sector, que “buscan unha canle específica para ofrecer os seus servizos vencellados ás artes escénicas.
A plataforma web de Mundo Escénico (dispoñíbel en https://mundoescenico.gal) xa nos permite rexistrarnos de balde e escoller o tipo de perfil que máis se axusta ás nosas características e adicacións (espectador, artista, xestor cultural, profesional do sector…). Tamén permite engadir información social ou artística para darnos a coñecer na comunidade.
A web conta xa cunha serie de servizos como son a axenda cultural (cun mapa onde se localizan os eventos), o catálogo de grupos e espectáculos, a rede social para publicar actividade no “muro”, engadir amigos, seguir grupos, etc.; un blog con información interesante do eido escénico na que participan colaboradores e unha sección chamada Ágora para xestionar a oferta e demanda de formación, obradoiros e servizos profesionais.
En palabras de Daniel Amós “a clave desta plataforma aberta é o compoñente social que fomenta a participación por igual dos seus usuarios para construír entre todos unha comunidade de valor, onde os seus membros teñen a posibilidade de enviar eventos, valorar grupos, xestionar os seus propios grupos, colaborar no blog, e demandar e ofertar formacións e servizos profesionais”.
A comunidade conta arestora cunha base de datos de máis de 2.000 grupos categorizados e xeolocalizados nun mapa. Os membros que o desexen poden requirir a administración do seu grupo ou crealo se non existe para manter actualizada a información do mesmo e dos seus espectáculos.
No futuro está previsto engadir máis servizos de valor engadido en función da demanda da comunidade. O obxectivo é que sexa un lugar de referencia e de utilidade para as Artes Escénicas en Galicia onde todos podan participar de forma aberta e igualitaria.

Da Enxeñaría de Telecomunicacións ao teatro

Daniel Amós interpretando a dous tipos de artistas simultaneamente durante a presentación de Mundo Escénico no Demo Day da terceira edición do programa de emprendemento Go2Work no espazo de Coworking de Barro

Daniel Amós é doutor enxeñeiro de Telecomunicacións, pero sempre foi un apaixonado das artes escénicas, participando en grupos folclóricos, de baile, e chegando a fundar o seu grupo de teatro. O proxecto de crear unha rede social específica vén de antigo pero recibiu o pulo definitivo coa súa participación no programa de emprendemento Go2Work. A formación recibida e o acompañamento de mentores expertos durante 5 meses axudárono no seu vieiro emprendedor a converter a súa idea en realidade. Grazas a isto e a contar cunha formación tecnolóxica de base, Daniel Amós xa lanzou a plataforma web que da soporte a esta comunidade online e actualmente está levando a cabo diferentes accións para dala a coñecer. A iniciativa tamén conta cun Facebook de seu.

PUBLICIDADE