Sabíamos que a Pontevedra medieval está na cerna de múltiples estudios históricos, reclamos turísticos, postas en valor e reclamos de dinamización. Agora, co impulso do Concello e da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra), a riqueza patrimonial da cidade do Lérez tamén está no alicerce dunha mostra e dun videoxogo, tal e como adiantamos esta mesma semana dende a web de Código Cero, poñendo o foco (principalmente) na segunda das propostas. Porén, a primeira (a exhibición) xa se pode contemplar ao detalle. Falamos da exposición O segredo da Ponte do Burgo, que foi inaugurada este xoves 19, acompañándose da posibilidade de interactuar cos contidos cunha aplicación.
Trátase dunha das accións postas en marcha polo Concello para celebrar os 850 anos da concesión do Foro á cidade de Pontevedra.
Volvendo á exposición, inclúe como dixemos unha ferramenta TIC e máis unha unidade didáctica sobre a Pontevedra medieval que, á súa vez, irá acompañada do devandito videoxogo. “É unha aposta por incluír formatos e linguaxes do noso tempo aplicados á historigrafía e de promover, neste tempo de globalización, o estudo da historia local” dixo o edil de Patrimonio Histórico Xaquín Moreda na súa presentación. Tanto a aplicación como o videoxogo foron realizados a través do grupo de innovación docente da Universidade de Vigo ComTecArt.
A exposición O segredo da Ponte do Burgo, integrada por paneis explicativos que fortalecen os seus contidos grazas á devandita aplicación, pódese visitar estes días Pazo da Cultura. A nivel máis detallado, inclúe entre outras contribucións unha recreación con Realidade Aumentada da ponte no século XVII.
A mostra que visualiza a Pontevedra medieval inclúe unha app e recreacións en realidade aumentada
Compartir Este Artigo

