A empresa tecnolóxica Igalia vén de ser recoñecida pola Deputación da Coruña, a través dos Premios PEL que concede cada ano a entidade para visualizar e distinguir as mellores iniciativas empresariais da provincia (e tamén, a partir deste ano, ás máis salientables contribucións dos concellos, as asociacións en materia de emprego e aposta polo desenvolvemento económico). Amais de Igalia, un referente internacional en solucións avanzadas de software libre, tamén foi premiada a cooperativa Numax (cinema e libraría con sede en Santiago e agora tamén en Ferrol, nos antigos cines Dúplex). Ademais, o Estudo 1917 Makeup gañou na modalidade de Mellor Iniciativa Empresarial Nova.
O Concello de Vedra e a Asociación de Empresarios de Ferrolterra completaron o palmarés nas distintas categorías do galardón. Amais, houbo un recoñecemento para a mellor comunicadora en materia de Emprego, Industria e Economía, que recaeu na xornalista Beatriz García Couce,
Os galardóns (terceira edición) foron entregados na noite deste xoves 19 no Pazo de Mariñán da Deputación da Coruña, en Bergondo. O acto, conducido polo actor Marcos Pereiro, contou coa asistencia do presidente da Deputación, Valentín González, o vicepresidente, Xosé Regueira, o deputado responsable da área de Emprego e alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo; o presidente do xurado e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, así como numerosos alcaldes e unha nutrida representación do mundo empresarial da provincia da Coruña.
O galardón a Igalia
A tecnolóxica coruñesa Igalia recibiu o galardón á Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada pola súa traxectoria de case dúas décadas no ámbito do software libre, que a sitúan como líder mundial na consultaría de tecnoloxías web, traballando coas grandes empresas internacionais do ámbito tecnolóxico. Entre outros proxectos, axudou a mellorar os navegadores de Google Chrome e Safari, de Apple. Segundo salientou o xurado convocado pola Deputación da Coruña, Igalia foi quen de pechar o ano 2018 cunha facturación de máis de 8,5 millóns de euros, amais de contar cun cadro de persoal de 43 empregados (a maioría socios da empresa) en diferentes recantos do mundo.

A empresa compostelá Estudio 1917 MakeUp, creada hai menos dun ano e especializada en maquillaxe e caracterización para producións audiovisuais e moda, foi galardoada como Mellor Iniciativa Empresarial Nova. O xurado valorou “a orixinalidade da idea e os numerosos traballos que desenvolven nun campo en continuo proceso de medre, coma o sector audiovisual galego”.
No premio ás iniciativas empresariais xeradoras de emprego, a galardoada foi a cooperativa cultural compostelá Numax, que desenvolve distintas actividades relacionadas co cinema e a industria cultural e que, en apenas catro anos de traxectoria, conseguiu pasar de 3 a 14 postos de traballo, 11 dos cales son como socios/as da cooperativa.
Como novidade, este ano os premios PEL recoñeceron tamén as iniciativas dos municipios coruñeses que traballan pola creación de emprego de calidade, onde o xurado decidiu seleccionar entre as 14 candidaturas presentadas nesta categoría ao Concello de Vedra polos seus programas de apoio ao emprendemento no rural, entre os que destaca a posta en marcha dun centro de traballo de tipo colaborativo (coworking) localizado en Santa Cruz de Ribadulla e de xestión municipal.
Na categoría de mellor asociación empresarial da provincia impúxose a Asociación de Empresarios de Ferrolterra, polos “numerosos servizos de apoio e asesoramento que empresta aos seus 153 asociados dende a súa creación en 1992”.
Como dixemos, tamén houbo un recoñecemento para o mellor comunicador/a en materia de Emprego, Industria e Economía, que recaeu na xornalista de La Voz de Galicia en Ferrol, Beatriz García Couce, “cunha dilatada experiencia profesional neste ámbito”.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, foi o encargado de entregar os galardóns e salientou a “gran calidade das 84 candidaturas que este ano concorreron ao certame nas diferentes categorías, unha boa mostra do enorme potencial que ten a provincia da Coruña para continuar innovando e impulsando proxectos empresariais de éxito que nos permitan seguir sendo o motor do desenvolvemento económico de Galicia”, afirmou.
Estas 84 candidaturas, todas co nexo común da innovación, abranguen actividades como a loxística internacional, a fabricación e deseño de garabatas, panos e paxarelas exclusivos, a produción e comercialización de kombucha e demais probióticos, negocios relacionados co turismo e a mercadotecnia, un espazo de coworking, ou empresas dedicadas a desenvolver aplicacións móbiles que tentan facer a vida máis sinxela.
Cada un dos galardoados recibiu un trofeo de olería de Buño, un diploma acreditativo e un premio en metálico de 15.000 euros.
Igalia, distinguida pola Deputación da Coruña nos Premios PEL
Compartir Este Artigo

