A semana pasada o Concello de Ferrol deu a coñecer importantes avances de ecommerce para o Mercado da Magdalena: a posta en marcha da plataforma Kibus, que dende este Nadal permite facer compras online nos distintos postos do mercado. O obxectivo da iniciativa, segundo fixeron saber Ángel Mato e Germán Costoya (alcalde e concelleiro de Mercados), é achegar os produtos de proximidade e dinamizar as vendas. Tamén lembraron que Kibus implantouse previamente no Mercado de Lugo da Coruña, onde resultou ser un éxito. Agora aterra na Magdalena a petición dos vendedores ferroláns.
A plataforma permite pagar con tarxeta e facer a compra seleccionando produtos o postos, e tamén escribir directamente ás praceiras e praceiros. O servizo, totalmente de balde, inclúe asemade o reparto a domicilio ata as seis da tarde e non establece unha compra mínima. O alcalde destacou a “axeitada” iniciativa dos vendedores e aplaudiu que a ferramenta faga compatible a vida laboral e familiar. Ademais, salientou o feito de que as ofertas se actualicen cada día e máis o “empeño de Kibus por desbotar o uso do plástico, utilizando bolsas e caixas de cartón”.
Pola súa banda, o concelleiro responsable de Mercados, Germán Costoya, asegurou sentirse moi “satisfeito” coa posta en marcha da ferramenta porque “permite gozar da excelencia dos nosos produtos en perfecto estado de frescura”.
O Mercado da Magdalena de Ferrol aposta de cheo polo ecommece
Compartir Este Artigo

