A confederación COGAMI vén de facer balance dos fitos acadados en 2019 en materia de formación e accións de empregabilidade para os seus membros: colectivos de persoas con diversidades funcionais e cognitivas de todos os recantos da nosa terra. Segundo fixo saber no reconto, un total de 140 persoas atoparon emprego tras formarse nun dos 34 cursos que ofreceu a entidade ao longo deste ano que estamos a piques de deixar atrás. Foron preto de 9.000 horas de formación. Moitas desas horas foron ocupadas con obradoiros tecnolóxico-dixitais: informática básica, ofimática ou manexo de Internet.
Foron un total de 411 persoas as que se formaron, 172 mulleres e 239 homes, nuns cursos que achegaron horas prácticas en empresas (nas que tiveron parte activa 240 persoas) e que foron financiados por distintos organismos como a Consellería de Economía, Emprego e Industria; a Consellería de Política Social; o Fondo Social Europeo; a Fundación ONCE; a Fundación La Caixa; o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social e tamén Tempe-Grupo Inditex.
Entre as temáticas ofertadas atopáronse as seguintes: dependente de tenda e paquetería; servizos administrativos; acompañante de transporte adaptado; informática básica; elaboración de produtos alimentarios; xestión de almacén; persoal de limpeza; ofimática; alfabetización dixital; auxiliar de servizos; operador de carretilla elevadora; caixeiro; controlador de accesos; revestimentos en construción; operario de limpeza viaria; ou manexo de Windows, Word, Excel e Internet.
As localidades nas que se impartiu a formación foron tanto zonas urbanas como rurais, sendo as zonas rurais un punto de interese importante para COGAMI porque, nas súas palabras, “carecen de máis servizos cás cidades”. Durante este ano os cursos desenvolvéronse deste xeito: 4 na Coruña e Vigo, 3 en Santiago e Ourense, 5 en Ferrol e tamén en Lugo e 1 en Pontevedra, Cabana de Bergantiños, Ponteareas, Vilalba, Boiro, Sarria, Moaña, Verín, O Barco de Valdeorras e Sigüeiro.
COGAMI culmina un completo ano de formación e inserción TIC
Compartir Este Artigo

