Quen pense que a innovación descansa no Nadal, anda desencamiñado: o tren da creatividade tecnolóxica galega vai en marcha continua, non só argallando novos xeitos de facer avanzar o tecido económico, social e científico da nosa terra, senón tamén compartindo descubrimentos e achados varios. Disto último tratou a máis recente edición do evento Afouteza organizado polo Instituto Galego de Talento (IGATA), celebrado baixo o lema Fénix, rexurdindo en Galicia? O obxectivo foi, novamente, pór en valor o esforzo do tecido empresarial galego polo Nadal. Participaron varias empresas tecnolóxicas representativas de todo o que vimos de dicir: Kaleido, Xoia e Alén Space. Tamén interveu o director do Centro de Liderado Emerxente Tecnolóxico de Monterrey (México), Santiago Vázquez.
Durante a xornada, á que asistiron ao redor dun centenar de persoas, compartíronse os testemuños do director do dito centro mexicano, do director de Kaleido Ideas & Logistics, Xoán Martínez, do CEO de Xoia, Xoel Vázquez, e do fundador de Alén Space, Diego Nodar, que afondaron nos principais desafíos aos que se enfrontan hoxe en día as novas empresas innovadoras, e nos métodos empregados para saíren deles fortalecidas.
O responsable do Centro de Liderado Emerxente Tecnolóxico de Monterrey recoñeceu como con 50 anos tivo que darlle un xiro á súa vida e aceptou o seu novo destino, México. O relator salientou que “as novas formulacións no ámbito do liderado veñen requiridas pola Human Age na que estamos mergullados, caracterizada por unha contorna dinámica e cambiante”. Segundo fixo saber, “a educación é o elemento que pode transformar a sociedade”. Tamén compartiu co público a súa propia definición do concepto de líder: “Aquela persoa que consegue ser feliz na súa vida e para iso contribúe á felicidade doutros”.
Pola súa banda, o director xeral de Kaleido puxo en valor o importante talento da nosa terra e fixo un repaso polos principais desafíos aos que tivo enfrontarse esta empresa galega de solucións, ferramentas e loxísticas tecnolóxicas, desafíos que se materializaron en erros e fracasos que houbo que superar (problemas tecnolóxicos, xestión de persoas) pero dos que “se aprende moito” e que serviron, dixo, para chegar a conclusión de que o verdadeiramente importante, o máis forte dun empresa, son sen dúbida as persoas.
Durante a tarde tamén tomaron a palabra Alesandro Abalo, desenvolvedor de produto en Intelixencia de Clientes en Abanca, e Alejandro Andújar, preparador físico do Real Club Celta de Vigo. Abalo incidiu en que para chegar ao éxito é importante “a escoita activa do cliente para pór o foco nas súas necesidades”, e Andújar destacou a “formación para establecer uns obxectivos claros”.
Os asistentes tamén puideron coñecer de primeira man a experiencia de tres proxectos de emprendemento liderados por profesionais galegos: Pablo Gajino (director de desenvolvemento empresarial en Instra); Xoel Vázquez (director executivo de Xoia Xtended Reality); e Diego Nodar (fundador de Alén Space). Gajino puxo o foco na importancia vital de aprender dos erros, unha cuestión na que tamén afondou Xoel Vázquez: “Emprender non é un camiño de rosas, pero non pasa nada por tentalo. Está permitido fracasar pero é obrigatorio extraer leccións”. Pola súa banda, Diego Nodar recoñeceu que “en Galicia somos pouco ambiciosos por iso non estamos afeitos a ver fracasos, noutras sociedades é diferente”. Tamén apuntou que “moitas veces os fracasos non sabemos comunicalos e por iso ocultámolos”.
O evento, patrocinado por IESIDE e Cafés Candelas e no que tamén actuou o grupo de danza CIA MAI, foi clausurado polo director do Instituto Galego do Talento.
Kaleido, Xoia, Alén Space e IGATA enxalzan o talento innovador galego
Compartir Este Artigo

