A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) comezou o ano facendo varios balances do acadado a través dalgúns dos seus principais ámbitos de traballo, entre os que se incluíu a Historia Social Única Electrónica (HSUE), plataforma destinada a favorecer o máximo impulso da eAdministración no ámbito social (integrando nun mesmo sistema todos os datos relativos á nosa historia social e facilitando a coordinación de todos os axentes que participan na prestación deste tipo de servizos). Segundo fixo saber AMTEGA, a día de hoxe xa hai máis de 600 profesionais empregando a plataforma no seu labor cotiá, profesionais das administración locais e da autonómica.
A axencia concretou que a día de hoxe xa son 307 os concellos que asinaron o convenio de adhesión a Historia Social Única Electrónica, o que posibilita que máis de 500 profesionais dos servizos sociais comunitarios, tanto básicos como especializados, accedan a plataforma. A estes cómpre sumar os máis de 104 profesionais da Xunta de Galicia que empregan HSUE como una ferramenta de apoio na xestión de prestacións no eido social tanto de dependencia, como discapacidade, inclusión social, atención e protección de menores, pensións non contributivas, RISGA/AIS etc.
Novas posibilidades
AMTEGA e a Consellería de Política Social traballan dende a orixe da HSUE de forma continuada na súa evolución en mellora coa incorporación de novas funcionalidades, novos ámbitos de información, servizos e a integración con outros sistemas. Entre as melloras incorporadas cómpre salientar a funcionalidade que permite aos traballadores sociais de referencia presentar solicitudes de prestacións sociais, como a RISGA, directamente dende HSUE, aproveitando a información do usuario existente na mesma e de xeito integrado coa sede electrónica da Xunta de Galicia.
Ademais, púxose en marcha un módulo de Atención Temperá, unha ferramenta de HSUE que facilita aos profesionais da área de menores a xestión integral dos expedientes deste ámbito. Na actualidade 18 Servizos de Atención temperá de diversas mancomunidades, agrupacións ou concellos individuais empregan esta facilidade.
Previsións
Para 2020 o programa de actuación inclúe a extensión da Historia Social Única Electrónica aos dispositivos móbiles como “axuda na atención ás persoas maiores, familias e coidadores”. Con este fin, porase en marcha a plataforma Asiste. Integrada na HSUE, facilitará aos profesionais sociais, coidadores e familiares, o seguimento das actuacións sociais, así como outros servizos de valor promovidos desde a Administración. Asiste contará cun asistente virtual, que, con pictogramas e ferramentas de recoñecemento de voz, facilitará a comunicación de xeito intuitivo. Esta plataforma, engadiu AMTEGA, “facilitará a monitoraxe dos parámetros de actividade, biomedidas e xeolocalizacion”. Os familiares e coidadores autorizados terán acceso seguro a esta información e recibiran avisos e alertas en tempo real ante calquera anomalía nos patróns de actividade da persoa.
A comunidade de profesionais usuarios da Historia Social Electrónica Única xa superou os 600 integrantes
Compartir Este Artigo

