Galicia comeza o ano dando pasos de xigante en materia tecnolóxica. Nesta liña de avance directo e continuo insírese a iniciativa presentada hoxe na Coruña: unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia e a división aeroespacial Everis (Everis ADS) destinada a dar forma a unha solución que poña en xogo as máximas eficiencia e seguridade en cuestión de drons e de espazo aéreo, en consonancia coas esixencias do novo paradigma regulatorio europeo U-Space. A un nivel máis concreto, a colaboración entre Everis ADS e o ITG xerará tecnoloxías que melloren o control do tráfico de vehículos aéreos non tripulados en calquera ámbito xeográfico, incluídas as cidades.
Segundo se fixo saber na presentación deste mércores 22 de xaneiro, a UMI (Unidade Mixta de Investigación) establecida polas dúas empresas ten nome propio: proxecto AIRUS. Amais de permitir un máis óptimo seguimento do espazo aéreo, permitirá validar os plans de voos de acordo aos requisitos técnicos e regulatorios, establecer áreas prohibidas, desconxestionar o tráfico aéreo, resolver conflitos de colisión e facer seguimento de voos en tempo real.
“Todo iso”, explicou o ITG, “farase mediante funcionalidades avanzadas que non existen na actualidade ou cuxo nivel de madurez é baixo, o que contribuirá a que o proxecto compita en mercados internacionais e que ademais poida complementarse coas actuais iniciativas que a Xunta de Galicia ten no marco da Civil UAVs Initiative”.
As funcionalidades punto por punto
O instituto con sede na Coruña explicou que AIRUS “apostará polo desenvolvemento dun amplo abanico de servizos orientados a unha integración efectiva dos drons no espazo aéreo”.
Ao fío do devandito, a UMI impulsará un sistema de xestión de plans de voo que incluirá a comprobación e validación dos mesmos fronte a restricións concretas para operadores e aeronaves.
Doutra banda, o ITG engadiu que o desenvolvemento do geo-fencing permitirá xerar áreas prohibidas pre-definidas ou específicas e en tempo real para un voo e operador determinados, incluíndo aquelas que poidan xurdir durante unha situación de emerxencia.
Ademais, o sistema fará posible a validación automática dos plans de voo, comprobando que a súa execución se poida desenvolver “de maneira segura e sen interferir noutros de acordo coa regulación”, así como o desenvolvemento dun xerador de alternativas de desconxestionamento que forneza ao operador de distintas opcións en cada intre.
Así mesmo, AIRUS poderá realizar seguimento en tempo real de drons e de obstáculos para comprobar en vivo o cumprimento do plan de voo, así como analizar e xestionar a correcta separación dos vehículos entre si, evitando posibles colisións.
Por último, AIRUS estará preparado para comunicarse cos sistemas de Control de Tráfico Aéreo (ATC) de face a garantir que a operación dos vehículos aéreos non tripulados non entra en conflito con aeronaves tripuladas coas que compartan espazo aéreo.
Prazos
ITG e Everis ADS esperan que os servizos desenvolvidos no ámbito da UMI estean operativos en 2021, dous anos antes da entrada en servizo do U-SPACE (prevista para o 2023), co obxectivo de alcanzar unha posición competitiva privilexiada no contexto nacional e internacional.
As actuacións da unidade mixta AIRUS están co-financiadas con Fondos FEDER e da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Na presentación participaron Juan Bosco Morales de los Ríos, vicepresidente executivo e responsable da División de Aeronáutica de Everis ADS, Patricia Argerey, directora da axencia autonómica GAIN; Analía López, directora da División de Sensórica e Sistemas Aéreos non Tripulados do ITG; e Carlos Calvo, director xeral do ITG.

