Os fabricantes chineses de smartphones apostan cada día máis pola excelencia, de xeito que xa non se recorre ás súas marcas só por cuestión de prezo, e como exemplo diso temos os novos terminais de Oppo, o Oppo Find X2 e Oppo Find X2 Pro, que sitúanse sen temor na gama alta, con prezos altos e unhas especificacións de impresión, que incluso conseguen que a cámara traseira do Oppo Find X2 Pro estea actualmente en cabeza en DxOMark con 124 puntos, igualando o resultado conseguido polo Xiaomi Mi 10 Pro.
O Oppo Find X2 é un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 865 e conectividade 5G, que loce unha impresionante pantalla OLED de 6,7 polgadas con resolución QuadHD+ unha taxa de refresco de 120 Hz, velocidade táctil de ata 240 Hz, unha perforación na pantalla para a súa cámara frontal de 32 Mpíxeles e lector de pegadas integrado. Vén configurado con 12 GB de RAM LPDDR5 e 256 GB de almacenamento interno UFS 3.0 e unha batería de 4.200 mAh con carga rápida de ata 65 watts, contando tamén con Wi-Fi 6, Bluetooth 5.1 e NFC.
Pero a cámara traseira tripla do Find X2 é un dos puntos fortes deste dispositivo, cun sensor principal de 48 Mpíxeles con apertura f/1.7, ultra grande angular de 12 Mpíxeles e teleobxectivo de 13 Mpíxeles (con zoom híbrido de 5x); contan con modo ultra nocturno 3.0, modo marco capaz de disparar fotografías a 3 centímetros de distancia, modo retrato con 5 estilos diferentes, modo de selfies nocturnos HD de 32 Mpíxeles, ultra estabilizador de vídeo e incluso gravación con 3 micrófonos (o que facilita a redución do ruído do vento e a amplificación do son cando a cámara fai zoom).
Este completo smarthone vai chegar ao mercado a primeiros de maio a un prezo de 999 euros, aínda que o seu irmán maior, o Oppo Find X2 Pro ousa ser máis ambicioso, e venderase a 1.199 euros, o que indica unha grande confianza do fabricante no seu produto.
O Oppo Find X2 Pro diferénciase da versión básica na súa capacidade de almacenamento (que pasa a ser de 512 GB UFS 3.0), na súa batería (que medra ata os 4.260 mAh) e moi especialmente na súa cámara traseira, que conta cun sistema de cámara Ultra Vision con sensores de 48 Mpíxeles tanto no obxectivo principal como no ultra grande angular, e con 13 Mpíxeles no seu teleobxectivo (que consegue un zoom híbrido de 10x). Outro detalle a salientar é que o modelo Pro tamén conta con versións con acabado en coiro vegano, así como unha maior resistencia ao po e á auga.
Vídeo coa presentación dos novos smartphones de Oppo
Oppo Watch
Pero Oppo non se limitou a presentar estes smartphones, senón que tamén os acompañou cun produto que non sabemos cando chegará ao noso mercado, pero que pode resultar intersante: o Oppo Watch. Un smartwatch claramente inspirado no Apple Watch, tanto a nivel de deseño físico como no seu software, que presenta unha pantalla OLED de 1,91 polgadas cunha resolución de 402 x 473 píxeles, caixa de aluminio, monitorización cardíaca, sensores de actividade, reprodución musical, resistencia á auga (ata 50 metros) e incluso conectividade móbil mediante eSIM. Promete unha autonomía de 40 horas para un uso normal (ou de 21 días nun modo de aforro de enerxía con notificacións activadas) e pode cargarse ata o 46% en 15 minutos ou conseguir unha carga completa en 75 minutos. Porase á venda na China o 24 de marzo a 1.499 iuans (192 euros) na súa versión de 41 milímetros, mentres que o modelo de 46 milímetros custará 1.999 iuans (256 euros).

