Google sorprende hoxe anunciando que o seu produto de videoconferencia premium, Google Meet, será de balde para todos, de xeito que estará dispoñible de xeito gradual nas vindeiras semanas. A partir de comezos de maio calquera persoa cun enderezo de correo electrónico poderá rexistrase en Meet e accede a moitas das funcións que ata o momento estaban limitadas a usuarios empresariais e educativos, incluíndo a programación de xuntanzas, o uso compartido de pantalla, subtítulos en tempo real e deseños de distribución de pantalla entre os que non falta a vista en mosaico expandida que tan de moda se puxo nas últimas semanas grazas a Zoom.
A apertura de Google Meet de balde para todos está prevista que comece o 4 de maio, e irá chegando pouco a pouco a máis usuarios ata que a súa dispoñibilidade sexa global. Actualmente Google Meet ten máis de 100 millóns de usuarios que realizan xuntanzas a diario tras incrementar 30 veces o seu uso diario dende o mes de xaneiro, deixando claro que esta medida de apertura busca adaptarse ao novo escenario creado pola pandemia.
Como contraste con Zoom, Google Meet está deseñado pensando na seguridade, de xeito que non permite usuarios anónimos, achega aos anfitrións numerosas medidas de control, as comunicacións están cifradas, non precisa de complementos para o seu funcionamento vía web (o que reduce as vulnerabilidades) e tamén conta con aplicacións móbiles para iOS e Android.
Até o momento Google Meet precisaba de contas con G Suite para convocar xuntanzas, e aínda que a versión de balde si terá algunha limitación, como unha duración de máxima de 60 minutos por xuntanza, estes límites non se aplicarán ata despois do 30 de setembro, xa que dende Google entenden que estamos nunha situación excepcional.
Google Meet será de balde para usuarios particulares
Compartir Este Artigo
