A Concellería de Medio Ambiente de Cabanas e a operadora de telecomunicacións Orange veñen de lanzar unha campaña de reciclaxe de móbiles usados para, por unha banda, traballar a prol do coidado do medio ambiente e sensibilizar á poboación sobre o correcto tratamento dos aparellos tecnolóxicos usados, e por outra banda, avanzar na inclusión social da man da Asociación Ferrolá de Drogodependencia, ASFREDO.
A iniciativa, coa que se quere animar e involucrar aos cidadáns da localidade, estará activa ata o 15 de xaneiro e ten como reto recoller polo menos 300 móbiles. Os terminais, así como accesorios electrónicos como cargadores, auriculares e baterías, poderanse depositar nos colectores situados na Casa do Concello de Cabanas e en centros educativos. Por cada móbil, doarase un euro á causa social que leva a cabo ASFREDO.
Iago Varela, tenente de Alcalde e concelleiro de Promoción Económica, Innovación Tecnolóxica, Urbanismo, Medio Ambiente e Participación Veciñal do Concello de Cabanas, manifestou que un dos obxectivos deste tipo de campañas lanzadas polo Concello é “minimizar os impactos dos residuos que xeramos no termo municipal, e especialmente de residuos que, coma estes, teñen unha especial problemática dada a cantidade de compoñentes tóxicos que conteñen e o seu crecente volume de xeración”.
Varela, tamén sinalou que “esta é unha iniciativa que serve para o coidado do medio ambiente, e resulta especialmente atractiva porque nos permite axudar a concienciar e previr sobre a drogodependencia e sobre a adición ás apostas e aos xogos online e a apoiar a ASFREDO”.
A campaña, engadiu, ofrece a posibilidade de mellorar o medio ambiente reciclando os móbiles que xa non se utilizan: “Por unha banda, a súa reutilización permite ampliar a vida útil dos terminais, o que se traduce nunha redución das necesidades de enerxía e materias primas necesarias para a fabricación de novos teléfonos, e pola outra sácase valor do que xa non se usa, xa que estes aparellos conteñen valiosos minerais (ouro, prata) cuxas reservas están a diminuír drasticamente e que podemos recuperar coa súa reciclaxe de igual modo que as sustancias perigosas que conteñen”, explicou o concelleiro.
Dentro do seu compromiso responsable coa contorna, Orange realiza continuas campañas de reciclaxe de terminais móbiles, tanto nas súas tendas, como en institucións, empresas e colexios.
O Concello de Cabanas e Orange impulsan unha recollida solidaria de móbiles
Compartir Este Artigo

