O Centro Tecnolóxico Gradiant vén de informar da posta en marcha da páxina web do proxecto ÉGIDA, un espazo en liña dende o que se mostrarán os importantes avances desta iniciativa conxunta en materia de seguridade e privacidade para as empresas. Como lembraremos, o proxecto vén da man de catro socios: o centro galego Gradiant, Fidesol, Ikerlan e Vicomtech.
En concreto, a web da rede ÉGIDA recollerá os avances do proxecto e as noticias máis relevantes, pondo a disposición das empresas os resultados obtidos e converténdose no punto de contacto con todos os axentes implicados no ámbito das tecnoloxías de seguridade e privacidade en España.
ÉGIDA, única rede do programa Cervera para Centros Tecnolóxicos de Excelencia liderada por un centro galego, abordará a investigación en tecnoloxías de seguridade e privacidade desde catro ámbitos cun obxectivo común: a protección da privacidade da información.
Máis polo miúdo, os centros que forman o consorcio traballarán en catro obxectivos técnicos centrados en tecnoloxías de criptografía aplicada, identidade dixital e privacidade, seguridade en sistemas distribuídos, e desenvolvemento de sistemas de información seguros.
A finalidade última é “achegar as tecnoloxías de seguridade e privacidade ás empresas, de tal forma que centros tecnolóxicos e industria fortalezan o sistema nacional de innovación, situando a España á vangarda do mercado tecnolóxico da ciberseguridade”, segundo explican as entidades impulsores de ÉGIDA, que contan para o devandito cometido co apoio dun comité científico-consultivo do que forman parte o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), Alastria, AEI Ciberseguridad, AENOR, IDC Research España, Vector ITC Group, a Rede de Excelencia Nacional de Investigación en Ciberseguridade (RENIC); ElevenPaths, a compañía security de Telefónica; BBVA e o Centro Criptolóxico Nacional (CCN).
O Programa Cervera para Centros Tecnolóxicos é a aposta nacional para desenvolver investigación orientada ao mercado impulsado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e o Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI).
O proxecto ÉGIDA, co-impulsado por Gradiant, mostrará na Rede os últimos avances en ciberseguridade
Compartir Este Artigo

