O décimo Concerto das Letras Galegas celebrouse o pasado 30 de outubro, como antesala do Día Das Letras Galegas. A cita, que tivo lugar no Auditorio de Santiago, estivo condicionada pola situación sanitaria, polo que se desenvolveu sen público e coa retransmisión en directo por Internet. Desta maneira, o Consello da Cultura Galega subiu hoxe á Rede o concerto, na véspera da celebración do pleno extraordinario que a Real Academia Galega realizará este sábado en homenaxe a Ricardo Carvalho Calero.
Esta última edición do Concerto das Letras Galegas foi da man do Taller Atlántico Contemporáneo, que interpretou un programa de puña en diálogo a música e a literatura galegas relacionadas coa cultura ferrolá. O festival comezou coa composición de Fernando Buide del Real Inger mis calices. De seguido Xan Viaño, compositor nado en Ferrol, interpretou Músicas Nocturnas. Ao longo de todo o concerto escoitáronse textos da literatura galega, como Ódiote de Rosalía de Castro, da man de César Morán, Danza de Nani García, para pechar con dous últimos poemas por parte de Esperanza Mara e Janet Novás.
O Concerto das Letras Galego é un espectáculo que se leva programando dende o 2011 en diferentes lugares de Galicia. Nesta décima edición, estaba previsto que se celebrase en Ferrol, pero a pandemia provocou que se realizara en Santiago. O Consello de Cultura Galega levou a cabo esta iniciativa ca finalidade de contribuír a reforzar a dimensión festiva e conmemorativa do Día das Letras Galegas. A presidente, Rosario Álvarez, quixo destacar que esta década de concertos “permitiu xuntar tradición musical galega, tanto popular como clásica, e ofrecéronnos obras de nova creación dedicadas aos autores e autoras homenaxeados no Día das Letras Galegas”.
Ademais, o Consello da Cultura Galega aposta cada ano pola celebración do Día das Letras Galegas. Este ano, a pesares das complicacións pola COVID-19, púidose celebrar tras unha adaptación de formatos. Así a presentación da publicación Farsa das zocas foi virtual, pero estivo arroupada co vídeo dunha lectura dramatizada do texto a cargo da compañía A Quinta do Cuadrante.
O décimo Concerto das Letras Galegas, dispoñible na Rede
Compartir Este Artigo

