As e os integrantes do Consello Consultivo da Asociación Ineo, alianza de empresas de novas tecnoloxías da nosa terra, reuníronse este martes 15 de decembro por vídeo-conferencia para intercambiar reflexións ante os retos, necesidades e potencialidades actuais do sector das TIC en Galicia. Segundo fixeron saber, o tecido das nosas empresas das Tecnoloxías da Información e a Comunicación teñen moito que achegar neste intre de crise sanitaria e económica, pero é preciso poñer o foco nunha maior colaboración: “Debemos cooperar entre as empresas para pór en marcha grandes proxectos de dixitalización aliñados cos fondos europeos de recuperación”, sinalou Luis Sestelo, presidente da asociación.
Durante a xuntanza, púxose especialmente en valor o papel que as novas ferramentas dixitais tiveron durante a crise orixinada pola pandemia en tanto en canto permitiron a diversos sectores continuar coa súa actividade e mitigar en gran medida os efectos da crise. Sen embargo, tal e como destaca Luis Sestelo, “aínda queda moito camiño por percorrer, non podemos quedarnos soamente na compra de dispositivos ou nas reunión virtuais, temos que facer unha transformación dixital máis profunda, que afecte tamén os procesos industriais”,e prosegue: “As empresas TIC galegas están especializadas en achegar solucións moi versátiles e modulares, especialmente para as pemes (que representan unha alta porcentaxe do tecido empresarial galego)”.
Posta en valor do sector TIC como eido empresarial propio
Alén da transversalidade e da súa relevancia como impulsor e panca doutros eidos de actividade, no Consello Consultivo de Ineo quíxose recoñecer o das TIC como “sector empresarial independente”, que ten necesidades e retos propios (custo do desenvolvemento da tecnoloxía, a necesidade de mellora continua, a competencia global polos recursos humanos ou polos clientes…) e polo tanto, “é importante tamén para este sector o poder contar con programas de financiamento para si mesmo”, sinalouse, engadíndose que sería un xeito de preparar o terreo para a posta en marcha de proxectos aliñados cos fondos europeos de recuperación.
Ademais dos membros da Xunta Directiva de Ineo, cuxo presidente é Luis Álvarez-Sestelo, o Consello Consultivo contou coa presenza das seguintes entidades: o Consorcio Zona Franca de Vigo, Abanca, Banco Sabadell, as tres universidades galegas, o Consello Galego de Cámaras de Comercio, o Colexio Profesional de Enxeñeiros de Informática de Galicia, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Gradiant e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Ineo fai un chamamento á colaboración para impulsar proxectos aliñados cos fondos europeos de recuperación
Compartir Este Artigo

