Un total de 256 fogares do rural de Grou, na Baixa Limia, dispoñen xa do servizo de fibra óptica. A operadora de telecomunicacións Telefónica está a realizar a instalación desta tecnoloxía neste termo municipal de Lobios dende hai varias semanas. A compañía engade que a conexión xa poderá establecerse en varias localidades da parroquia de San Mamede de Grou.
Así, o servizo está xa dispoñible en Cima de Vila, Casardomato, O Eido, Casar de Cima, o Souto, Ferreiros, Corgo, Carreira, Pazos, A Cruz, Reguengo, Silvares, Requeixo, Barrallo, Foz e A Rasela.
Nos vindeiros días, e para facilitar a información da veciñanza, colocaranse bandos informativos para explicar como informarse sobre estas conexións.
Os devanditos serán os primeiros puntos (16 núcleos) con conexión á fibra óptica do municipio de Lobios onde Telefónica está a desenvolver o despregue. A maiores, segundo informa a operadora, a conexión chegará antes do remate de ano a 5 parroquias mais (553 vivendas) do concello de Lobios no que supón aproximadamente o 65% do termo municipal, “cun alcance inicial previsto de 982 unidades inmobiliarias para finais do 2021”, explica Telefónica, engadindo que tamén en Entrimo (869 vivendas) e Lobeira (275 vivendas) se está a despregar fibra de Telefónica.
“Tentaremos que as conexións vaian chegando a todas as parroquias, no que será un gran paso para o desenvolvemento do noso rural”, indica o xefe de Operacións de Telefónica en Galicia e Asturias, César Rodríguez, poñendo o foco na vontade da compañía de achegar o máximo servizo territorial: “A fibra chegará aos núcleos de poboación de toda a provincia, brindando todos os servizos como son Movistar+, voz IP e velocidades de ultima xeración. O mesmo do que se desfruta nas cidades e o teletraballo serán posibles no rural, o que axudará a que moita xente non abandone os pobos”.
A extensión acométese a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento, co proxecto de extensión de redes de banda larga ultrarrápida en entidades de poboacións galegas.
Telefónica leva fibra óptica a 256 fogares do rural na Baixa Limia
Compartir Este Artigo

