Esta mañá o BNG acadou un acordo que contou co apoio do Partido Popular e a abstención do Partido Socialista para a mellora da dixitalización no rural. Ademais, diríxense ó Goberno do Estado para que estableza mecanismos económicos e legais para dotar á Galicia rural dunha cobertura TDT, conexión móbil e conexión a Internet con banda larga. O acordo tamén inclúe que o Parlamento inste á Xunta de Galicia, en colaboración co Goberno de Estado a non deixar á Comunidade galega atrás no reparto de fondos europeos.
O deputado do BNG, Daniel Castro, reclamou políticas que permitan ao rural “gozar dunha velocidade na navegación, xa que ademais das canles de comunicación físicas, tamén se precisan canles dixitais”.
Doutra banda, para poder levar a cabo esta iniciativa, a petición reclama “firmeza por parte da Xunta de Galicia” na súa postura na xestión directa dos fondos europeos: “Galicia nos fondos europeos ten que ter unha posición firme para recibir os fondos necesarios para rematar con esta problemática”, apunta Daniel Castro, quen ademais di que “por desgraza partimos de moi atrás, o que dificulta a dixitalización do noso rural”.
Outro dos casos que a xuízo do BNG poñen en evidencia o atraso de Galicia con respecto ó resto do territorio español é o emprego da Internet: “Galicia é o territorio do Estado español que peores datos presenta no uso de Internet. Somos a única Comunidade que non supera a barreira do 90% segundo os datos do INE”, concluíu Daniel Castro.
O BNG impulsa un acordo para mellorar a dixitalización no rural
Compartir Este Artigo

