A entidade AENOR (Asociación Española de Normalización E Certificación) vén de recoñecer a operadora galega R “polos seus protocolos de prevención fronte á COVID-19 despregados nas súas sedes”. Segundo lembrou a asociación, esta distinción “acredita que as distintas medidas de seguridade adoptadas pola compañía dende o inicio da crise sanitaria non só se adaptan ás recomendacións, senón tamén ás esixencias establecidas de forma periódica polas institucións en materia de prevención e hixiene”.
AENOR avaliou para tal fin un “amplo abano de aspectos”, entre os que se atopan a xestión de riscos e da saúde no traballo; a formación, información e comunicación desenvolvidas; as medidas tanto organizativas como de protección postas en marcha (distancia mínima, control de capacidade do espazo, uso individual de equipamento e material, etc.) e as boas prácticas en limpeza e hixiene, entre outros.
Segundo fixo saber Isidro Fernández de la Calle, director corporativo Empresas de R
e do Grupo Euskaltel, “na empresa parécenos imprescindible xerar confianza, creando contornas laborais seguras. Non decaerá a nosa vontade de mellora porque estamos máis comprometidos que nunca coa seguridade das nosas persoas. Protexer a saúde das e dos profesionais de R e garantir a continuidade do noso negocio son, sen dúbida, unha prioridade para nós nestes momentos difíciles de crise sanitaria”.
Pola súa banda, Martín Pita, director de AENOR na Rexión Atlántica, manifestou “o orgullo de poder traballar con R, pertencente ao Grupo Euskaltel, co que colaboramos en distintos ámbitos dende hai varios anos. Neste caso, a certificación de protocolos fronte á COVID-19 vén subliñar e asegurar a preocupación da empresa cos seus traballadores e resto de partes interesadas ao incorporar nas súas prácticas diarias os protocolos de funcionamento máis avanzados que poidan existir para a loita contra esta pandemia”.
R obtén o certificado AENOR pola súa prevención fronte á COVID-19
Compartir Este Artigo

