Esta fin de semana botou o peche a nova edición (a número quince) do Festival Rebulir, un certame de exaltación internacional da nosa cultura con centro de operacións e Ramirás (Ourense) que para esta convocatoria (e co fin de garantir ao máximo a seguridade sanitaria de participantes e público ao tempo que se se garantiu o desfrute das actividades) experimentou unha fonda transformación tecnolóxica. Foron catro días de actividades retransmitidas online que incluíron obradoiros, concertos, animacións e exposicións. Grazas á aposta polo virtual, a gala final do FIR foi seguida en directo dende máis de 1.000 conexións de Internet.
A dirección do evento salientou “o alto grado de seguimento e interese mostrado a través das redes”. Así, actividades formativas como o Obradoiro as Armadanzas foron quen de cubrir todas as prazas dispoñibles e os concertos virtuais lograron xuntar en liña a centenares de persoas.
Especialmente destacable foi a gala do sábado, na cal se entregaron os Premios Rebulir da Cultura Galega a Mercedes Peón, Fina Calleja e a Banda de Música de Vilanova dos Infantes. Segundo informa a organización do evento, máis de 1.300 persoas de todo o mundo seguiron en directo as actuacións e discursos, superando as expectativas iniciais.
Desde Rebulir indican que están a traballar na XVI edición, agardando “poder recuperar a convivencia e intercambio persoal, que son os piares que dan sentido a este tipo de eventos”.
A gala final do Festival Rebulir foi seguida online por máis dun milleiro de persoas
Compartir Este Artigo

