A agrupación estratéxica Ecobas, da Universidade de Vigo, vén de lanzar un asistente virtual para o cooperativismo e a economía social. A ferramenta, que forma parte dun proxecto de investigación de Mª José Cabaleiro e Carlos Iglesias, achanda aos usuarios o camiño cara a toda a información relacionada co cooperativismo na nosa terra, un tecido socioeconómico formado por preto de 1.4000 unidades de traballo colectivo de múltiples sectores: agro, mar, servizos sociais, consumo, vivenda, servizos financeiros, etc.
SAVES, Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía Social, é, en termos máis concretos, un asistente virtual que dará acubillo á información máis relevante do movemento cooperativo galego, “centralizada nun único espazo e accesible a golpe de clic”, que pretende ser unha ferramenta de traballo para todos os axentes implicados na economía social en xeral.
Desta maneira, “fronte á dispersión en fontes estatística diversas que presenta a día de hoxe a información sobre cooperativismo en Galicia e á ausencia dunha serie histórica con datos comparables no tempo”, SAVES publicará progresivamente os seus resultados a través dunha aplicación web.
O asistente virtual desenvolvido polos investigadores de Ecobas estará a disposición de todo o público no referido a información básica e non protexida, mentres que aos informes terán acceso as cooperativas; a administración pública, especialmente a Subdirección Xeral de Economía Social; as principais asociacións do sector: AGACA e Espazocoop; e o persoal investigador das tres universidades galegas.
SAVES conta co co-financiamento da agrupación estratéxica Ecobas da Universidade de Vigo e das entidades da Rede Eusumo, en particular da Subdirección Xeral de Economía Social, dependente da Consellería de Emprego. Colaboran ademais as unións de cooperativas galegas Espazocoop e AGACA e a Escola de Estudos Empresariais de Vigo, “que estivo con nós desde o inicio desta idea, pondo a nosa disposición os seus espazos e a súa desinteresada colaboración”, destaca Cabaleiro.
A UVigo lanza un asistente virtual que xunta toda a información sobre o cooperativismo galego
Compartir Este Artigo

