O Concello de Lugo vén de asinar un acordo de colaboración coa entidade Foro de Formación y Ediciones para ofrecer cursos gratuítos a cidadanía na modalidade online, centrados nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aplicadas en diferentes sectores produtivos como metal, alimentación, agricultura, gran distribución e actividades medioambientais.
As accións formativas son de balde e están dirixidas sobre todo a traballadores ocupados, persoas en situación de ERTE e persoas desempregadas. Cada cidadán participante poderá realizar un máximo de 180 horas de formación, repartidas en diferentes cursos, ou ben un único curso de 200 horas. No caso dos cursos relacionados coas TIC o número máximo de horas a realizar será de 120 horas.
O Concello explicou que a planificación dos cursos é mensual e daranse a coñecer previamente a través das redes sociais do Concello e do Servizo de Orientación Laboral.
A metodoloxía será a da teleformación, utilizando as plataformas do Foro de Formación y Ediciones e todas as accións formativas estarán dirixidas por docentes especializados. As alumnas e alumnos recibirán un título homologado pola FUNDAE (Fundación Estatal Para a Formación para o Emprego), acreditando a superación do curso e o número de horas realizadas. Así mesmo, as diferentes accións formativas, estarán supervisadas polo SEPE.
O Concello de Lugo impulsará formación de balde en TIC
Compartir Este Artigo

