A Deputación de Lugo colabora coa edición dun novo número da revista de cultura dixital Muralla Aberta que edita o Centro Asociado da UNED en Lugo. Trátase, segundo informa a entidade provincial, do cuarto exemplar dunha publicación anual que ten como obxectivo “promover a actividade cultural na provincia a través do uso das novas tecnoloxías”.
A institución provincial colabora cunha achega de preto de 300.000 euros anuais coa Universidade de Educación a Distancia para gastos derivados do centro lucense e a posta en marcha de diferentes proxectos cos que o seu alumnado pode ampliar a súa formación.
O novo exemplar da Muralla Aberta leva a arte urbana na súa portada e conta con 12 artigos, entre eles os da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, que repasa polos mellores graffitis da capital, e o do guía turístico Guido Álvarez, que pon en valor o turismo de proximidade.
O número tamén aborda o proxecto Lugo NaturalMente posto en marcha pola UNED ao longo do curso 19-20 e que tratou de incidir en aspectos relacionados coa optimización de recursos e o coidado do impacto no medio ambiente a través de diferentes actuacións.
A revista Muralla Aberta, que pode descargarse de xeito gratuíto a través de lugoculturadixital.es, aposta de novo polo contido innovador e o formato interactivo con contido audiovisual.
A UNED lanza un novo número da revista dixital Muralla Aberta co apoio da Deputación de Lugo
Compartir Este Artigo

