A Universidade de Vigo puxo en funcionamento esta semana a Comunidade Alumni-UVigo, un novo espazo de comunicación para manter activo os vencellos entre a institución e as persoas tituladas e outros colectivos que mantivesen relación académica ou contractual coa institución. O servizo, que tamén busca establecer sinerxías dentro do colectivo (que “faciliten o seu desenvolvemento persoal e profesional”) foi dado a coñecer este 10 de febreiro, nun acto online que contou coa presenza do reitor, Manuel Reigosa, quen salientou “a importancia de pór en marcha este espazo de relación coas persoas egresadas”.
Xunto ao reitor, o presidente da Federación de Asociaciones de Antiguos Alumnos y Amigos de las Universidades Españolas, Alumni España, Antonio José Redondo; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, incidiron na relevancia desta iniciativa, que segundo Pedrosa fai deste día “un dos máis gratificantes da miña etapa á fronte do Consello Social da Universidade de Vigo”.
Cunha páxina web de seu, que as persoas interesadas deberán utilizarse para unirse á comunidade Alumni-UVigo e na que se recompila toda a información de interese deste novo servizo, esta rede de contacto das persoas vencelladas á UVigo ten como obxectivos principais os de “colaborar coas tarefas de coñecemento da situación e da bagaxe profesional do antigo alumnado”; “facilitar a localización de antigo alumnado a quen lle poida xurdir algún asunto de interese particular ou colectivo”; “favorecer as relacións da rede de contactos profesionais”, así como “aumentar as posibilidades de xerar oportunidades de negocio entre a comunidade”. Outra das finalidades é organizar encontros entre as empresas e as institucións nas que se atopen integrados os usuarios da comunidade Alumni-UVigo e a propia UVigo, en materias de interese común.
A UVigo crea un espazo online para favorecer a comunicación con egresados e traballadores
Compartir Este Artigo

